O PP atribúe o problema dos meios en galego ao “mercado” e xustifica a redución de axudas

O partido que sostén a Xunta rexeita cambiar os criterios para as subvencións á prensa escrita e nega vinculalas ao uso do galego e a estabilidade laboral, como propuxo o BNG co apoio do resto de forzas da oposición.    

 

Montse Prado
photo_camera Montse Prado, deputada do BNG

Todo en función do mercado. Esa máxima neoliberal foi a que esgrimiu o PP para xustificar a rebaixa nas axudas da Xunta ao uso do galego nos medios de comunicación durante a Comisión Parlamentar de Administración Xeral, na que votaron en contra dunha proposición non de lei do BNG que solicitaba un cambio nos criterios de valoración polos que se conceden as subvencións á prensa escrita -que agora priman a difusión- e que si contou co apoio de AGE e PSOE, quedando unha vez máis o partido no goberno só na súa postura, que a deputada nacionalista Montse Prado definiu como “escandalosa”.

O deputado do PP Núñez Centeno foi o encargado de facer público o posicionamento do seu grupo parlamentar arredor desta espiñenta cuestión, e fíxoo botando balóns fóra e sen referirse ao mandato estatutario de apoio e difusión da lingua galega que usou como argumento o BNG. Segundo o popular, “a rebaixa de axudas ao galego é mínima e forma parte da redución xeral das partidas”. A seguir, Centeno respondeu á cativa presenza do idioma propio nos medios e á desaparición de varios integramente en galego como “resultado dunha dinámica de mercado”, rexeitando a influencia da acción do goberno autonómico. Ademais, sinalou que a maiores das convocatorias xerais de subvencións a todos os medios, existe outra destinada a aqueles que se expresan unicamente na lingua do país, se ben a nacionalista Montse Prado lembrou que esta é de “contías ridículas que non dan nin para pipas”.

O BNG critica as axudas a dedo mediante convenios a xornais "cuxo uso do galego apenas chega ao 5%"

Na presentación da súa iniciativa, o BNG denunciou a “intencionalidade política” da Xunta nas súas axudas á prensa escrita, que considera que teñen como criterio “unha escolla ideolóxica”. “Non usan os fondos públicos para apoiar aos medios galegos e en galego senón para outros fins, mesmo en contra da normativa. É un escándalo que cando peor é a situación da nosa lingua menos se faga por ela dende a Xunta”, asegurou Prado, que así mesmo solicitou que para a concesión de subvencións tamén se valore “a seguridade laboral d@s traballadores e traballadoras, nun sector que, como tantos outros, está a sufrir a crise e no que grazas ás diversas reformas laborais son continuos os EREs”. Por último, criticou “as axudas a dedo mediante convenios a periódicos cuxo uso do galego apenas chega ao cinco por cento, nin a un tres por cento excluíndo publicidade e opinión”.

Na súa quenda de intervención, Yolanda Díaz de AGE tamén apoiou a proposición non de lei do BNG, queixándose porque “non se discrimina positivamente” o galego e “incluso cada vez se utiliza máis o castelán na CRTVG”. “Outros medios que non defenden o idioma recibiron hai pouco até seis millóns de euros en axudas públicas”, engadiu. Pola súa parte, Beatriz Sestayo, do PSOE, tamén sumou o seu grupo á iniciativa nacionalista, asegurando que a redución da presenza do galego na prensa “fai parte da folla de ruta do PP”. @s socialistas presentaron unha emenda á proposición -aceptada por Bloque e Alternativa- na que volvían reclamar unha Lei de Publicidade Institucional “para que non se usen os impostos para pagar propaganda”.

Con anterioridade, Sestayo realizou unha pregunta sobre a situación laboral do persoal da CRTVG en Ferrol, que aínda non foi readmitido a pesar da existencia dunha sentenza xudicial ao seu favor. Malia poder enviar a un ou unha responsábel dos medios públicos galegos a contestar a pregunta, o goberno autonómico designou para esa función o Director Xeral de Relacións Institucionais, Gonzalo Ordóñez, que respondeu que esa cuestión non era da súa competencia.

Comentarios