O PP asegura que en Galiza "si hai terrorismo" e acusa ao PSOE de aplicar "a pena de morte" durante o seu mandato

O deputado popular, Alberto Pazos, acusa ao PSOE de "aplicar a pena de morte" durante os seus anos de goberno e ao BNG de presentar iniciativas en prol "dos inimigos da democracia". Beatriz Sestayo advirte que acudirán aos tribunais perante as aseveracións do popular.

A proposición non de lei presentada polo Bloque Nacionalista Galego sobre as actuacións do goberno en materia penitenciaria agoiraba un intenso debate na Comisión parlamentar de Xustiza. O portavoz nacionalista, Francisco Jorquera, procurou evitar "lecturas demagóxicas" ao comezo da súa intervención e amparou a presentación da iniciativa nas "convicións demócratas e pacifistas" defendidas pola organización frontista. Porén, ningunha das aclaracións iniciais minguaron a reacción do deputado popular. 

PSdeG e AGE apoiaron co voto favorábel a proposición non de lei presentada polo BNG entrementres o PP acusaba @s nacionalistas de apoiar "os inimigos da democracia"

Pazos acusou o BNG de promover proposicións de apoio aos que calificou de "inimigos da democracia" e considerou "lamentábel" e "patético" que "grupos que se din democráticos veñan pedir o cumprimento da lei aos xuíces". O deputado popular instou @s nacionalistas a se pasaren por "unha sede fumeante do Partido Popular" para asegurar que "en Galiza si hai terrorismo" malia a que, matizou, "aínda non hai mortos". 

A confrontación verbal do parlamentar do grupo popular encetou cunha equiparación da proposta nacionalista coa "linguaxe nazi" ao servizo "dunha noxenta ideoloxía". No entanto, a súa interpelación dirixiuse cara á deputada socialista Beatriz Sestayo que na súa quenda avanzaba o voto favorábel do PSdeG á PNL presentada polo Bloque. "A posición do PSOE é moito máis que sorprendente", asegurou Pazos, quen acusou, acto seguido, á formación representada por Sestayo de "aplicar a pena de morte sen xuízo previo" durante os seus anos de mandato en Madrid. A acusación, que foi cualificada por Francisco Jorquera como "verdadeiro terrorismo verbal", podería levar a PP e PSdeG aos xulgados como avanzou a propia Sestayo logo de que o deputado popular rexeitase retirar as súas verbas da acta.

Unha "lexislación de excepción" cuestionada polas institucións internacionais

O contido da PNL presentada pol@s nacionalistas demandaba o fin do "uso abusivo do réxime de incomunicación" por o considerar "unha práctica que aumenta o risco de violación dos dereitos humanos". O punto primeiro da iniciativa tiña como alicerce os informes elaborados pola Comisión de prevención da tortura integrada nas Nacións Unidas mais tamén nos estudos e documentación achegados por organizacións internacionais como Amnistía Internacional e Human Rights en que se veñen denunciando graves vulneracións dos dereitos e garantías procesuais das persoas detidas por "delitos con motivación política". 

Francisco Jorquera acusou ao PP de "sobreactuar" na Comisión e asegurou que a PNL presentada estaba amparada nos informes elaborados pola ONU e outras organizacións internacionais 

"Todos teñen dereitos que deben ser escrupulosamente respectados" aseverou o deputado nacionalista ao tempo que asegurou que "a prisión preventiva" e o "réxime de incomunicación en grao un" aumenta o "risco de se cometeren vulneracións dos dereitos fundamentais" d@s detid@s. Aliás, acrecentou Jorquera "a dispersión penitenciaria" é contraria aos principios sob os que se asenta, segundo a Constitución española, o sistema penitenciario, isto é "a reeducación e a reinserción social". Neste senso, Francisco Jorquera lembrou ao Partido Popular que días atrás unha concentración celebrada en Santiago de Compostela denunciara a aplicación da prisión preventiva para o concelleiro compostelán Ángel Espadas ao consideraren que esta era abusiva. "Que cousa tan brutal defende o Bloque" ironizou o nacionalista "que os presos cumpran condena no seu país". 

Alberto Pazos, arremeteu contra o portavoz do BNG e asegurou que o contido da proposta era "falso" ao tempo que acusaba ao nacionalista de mentir por pór en dúbida a existencia de organizacións terroristas no noso país. "Estas criaturas", aseverou o popular mentres amosaba un cartaz coas facianas dos presos independentistas "foron detidas por pertencer a unha organización terrorista". Cuestión refutada polo portavoz do BNG quen asegurou "ningunha destas persoas foi condenada por terrorismo" malia a permaneceren nalgún dos casos "até 4 anos en prisión sen probar xudicialmente o que se lles acusa".

O portavoz nacionalista asegurou que o PP emprega "a crise para recortar dereitos" valéndose da "inseguridade e o medo" para "efectuar unha dominación política e económica sobre as maiorías sociais"

"A dominación polo terror"
Non foi a obra de Victor Kempler a única que resoou na Comisión parlamentar de xustiza. O deputado do BNG, Francisco Jorquera recomendoulle @s populares que lesen a obra de Naomi Klein A doutrina so shock. "A dominación polo terror" asegurou o nacionalista "iso si que é terrorismo". Jorquera acusou aos gobernos do PP de empregar "a crise para recortar dereitos" valéndose "da inseguridade e o medo" e así, dixo, "efectuar unha dominación política e económica sobre as maiorías sociais". 

Aliás, denunciou que o Partido Popular procure "demonizar co terrorismo calquera organización que non comulgur co PP" e apelou ás acusacións verquidas pola delegada do goberno en Madrid, Cristina Cifuentes a respecto da Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH). "Non faga demagoxia barata señor Pazos", sentenzou. 

Comentarios