O plenario non cubrirá a vacante de Ferrín como numerario, aproba as contas e cría unha comisión de contratacións

Ao termo do plenario da RAG, o secretario da institución, Xosé Luís Axeitos, compareceu perante a imprensa, na compaña de arredor de 20 académic@s, para ler un comunicado. En resumo: non se acepta a demisión de Ferrín como numerario (si, como presidente), non se vai cobrir a súa vacante, apróbanse as contas de 2012 e o orzamento de 2013 e críase unha comisión que, a meio dun protocolo, regulará as futuras contratacións.

Axeitos estivo na lea da Academia desde o principio. Foi el quen destapou, en entrevista con La Voz de Galicia, o conflito interno na institución. El quen deitou graves acusacións contra @s numerari@s nucleados arredor do ILG e o CCG.

Hoxe, ao rematar a sesión plenaria, compareceu cunha grea de académic@s para ler un comunicado de resumo da reunión, aprobado por unanimidade polo Pleno.

Segundo dixo, o pleno da RAG lamenta a renuncia de Ferrín como presidente e valora como positiva a súa xestión, ao tempo que non aceptan a súa renuncia como numerario, polo que se decide non cobrir a súa vacante.

Axeitos informou de que as contas de 2012 e o orzamento de 2013 tamén foron aprobados, e por unanimidade, polo plenario. As contas para 2013 serán penduradas na web da RAG "para evitar calquer problema de opacidade", dixo literalmente.

Asemade, o plenario acordou constituír unha comisión que, a meio dun protocolo, regulará as futuras contratacións.

Comentarios