O persoal de "La Voz de Galicia" recibe apoios da CIG e o Colexio de Xornalistas

O persoal de “La Voz de Galicia” recibiu apoios da CIG, o Colexio de Xornalistas ou o Sindicato de Xornalistas de Galicia. Para o domingo día 7 de xullo está convocada unha manifestación na Coruña previa á folga do día 10. 

“La Voz de Galicia” bota man da reforma laboral para recortar os salarios sen por iso garantir os postos de traballo e, por esta razón, o persoal do grupo de comunicación con sede no polígono de Sabón promoveu unha xornada de mobilizacións na defensa do emprego e as condicións laborais.  

A CIG respaldou as mobilizacións do persoal de “La Voz”  e manifestou o apoio ao seu Comité de emprea en defensa do convenio en vigor, resultado da negociación colectiva. “Constitúe un exemplo de como as políticas neoliberais e a reforma laboral do PP serven para acabar cos dereitos dos traballadores e abaratar o mercado de traballo mesmo en aquelas empresas que dan beneficios, como foi o caso de La Voz de Galicia no ano 2012” sinalan desde o sindicato nacionalista.

Pola súa banda, o Colexio de Xornalistas de Galicia respaldou tamén ao persoal de “La Voz de Galicia” diante doque definiu como “accións inéditas na historia máis que centenaria do xornal, proba da diferenza de posturas entre as partes”. 

As medidas propostas pola emprea son unha baixa do 15 % dos salarios base e do 66% dos complementos durante o ano 2013. O recorte ven despois de que o cadro de pesoal aceptara, entre outras medidas, unha conxelación salarial en 2009. Os datos que recolle o Colexio son un descenso do gasto depersoal de 34,5% de 2008 a 2012 con 187 postos de traballo menos. 

“A Xunta de Goberno do CPXG mostra a súa preocupación pola situación laboral dos traballadores de La Voz de Galicia, aos que expresamente quere respaldar no seu posicionamento, e sinala que a forma de afrontar a crise non é empeorando a calidade das redaccións, e polo tanto, do produto informativo” sinalan desde o Colexio de Xornalistas. O Sindicato de Xornalistas de Galicia manifestouse no mesmo sentido de apoiar as persoas que traballan para o grupo de comunicación da Coruña. 


 

Comentarios