O persoal da USC quere facer unha fronte común para defender o sistema universitario dos recortes

Unanimidade de todos os sectores do persoal da USC para facer fronte aos recortes laborais. Convocan hoxe asembleas nos campus de Santiago e Lugo para preparar accións que se desenvolverán a comezo do próximo curso para mostrar a súa oposición aos recortes orzamentarios e salariais. 

Representantes da USC
photo_camera Representantes da USC

Asembleas nos campus de Santiago e Lugo pulsarán a opinión e prepararán un calendario de mobilizacións para o vindeiro curso coa idea de mostrar a súa oposición unánime á política de recortes do sistema universitario galego. Comezan tamén unha serie de contacto con representantes das Universidades de Vigo e A Coruña co fin de lograr unha fronte común para defender a calidade do ensino universitario, afogado polos recortes orzamentarios, salariais se de persoal. 

A Xunta de Persoal Docente Investigador Funcionario (PDI) e de Persoal de Administración e Servizos Funcionario (PAS) e os Comités Intercentros de PAS Laboral e de PDI Laboral acordaron por unanimidade desenvolver hoxe xoves asembleas nos campus de Santiago e Lugo co fin de mostrar a unanimidade de todos os sectores da universidade e preparar mobilizacións  que previsiblemente se desenvolverán a comezos do vindeiro curso. 

Os recortes, segundo a presidenta da Xunta de PDI funcionario de Santiago, Alba Nogueira, son no presente ano dun 20%. O obxectivo é que das asembleas que hoxe se celebren se artellen mobilizacións para o próximo curso co fin de que os orzamentos que se comezarán a elaborar en setembro non recollan novas rebaixas nin consoliden as actuais. Segundo Alba Nogueira, “a idea é recuperar os investimentos previstos no Plan de Financiamento e non consolidar os recortes orzamentarios deste ano”. 

Ao recorte nos salarios engádase a diminución nas convocatorias de investigación e recursos humanos, a redución nos fondos que afectan a actividades de docencia e investigación, afectando á calidade do ensino. Alertaron, nese sentido, de que ao non se repoñer as xubilacións pode haber áreas de coñecemento que non teñan cuberta a docencia. Recórrese, segundo denunciaron, a impartir certas materias por medio de profesorado afín coa perda do criterio de especialización. 

Desde a de Santiago están a iniciar contactos con outras Universidades co fin de facer un fronte común na defensa do sistema universitario galego.

Comentarios