Os recortes orzamentarios fan perigar a Universidade

A Universidade pública está en perigo e sobre ela pesa unha ameaza de morte. Os recortes orzamentarios apertan todos os sectores laborais da institución universitaria e afectan á calidade do ensino. En Compostela, persoal de servizos continúa pechado na Casa da Balconada. A CIG puxo sobre a mesa os datos da desfeita.
Asamblea PAS Universidade
photo_camera Asamblea PAS Universidade

A sección sindical da CIG na USC acusou ao presidente da Xunta da grave situación pola que está a atravesar a institución, diante duns recortes orzamentarios que van ter consecuencia directa na calidade do ensino, despois ademais de que Feijóo se comprometera en plena campaña a non subir as taxas nin reducir os salarios do persoal.

A rebaixa do 5% dos salarios, superior mesmo ao aplicado ás persoas empregadas na Xunta, segundo a lei de Orzamentos, ao entender da profesora Alba Nogueira deixa á vista que tanto a redución global imposta como a posibilidade de aplicar EREs “aboca ás universidades a facer despedimentos e dálles xa a fórmula para xustificalos”.  Ademais, segundo o representante dos PDI da CIG, o recorte no financiamento carrexará tamén unha relevante subida nas taxas, o que significaría que PAS e PDI co recorte salarial por unha parte e estudantado pola subida de taxas, se verán afectados polos recortes orzamentarios na Universidade.

En canto ao profesorado, Alba Nogueira explicou que as universidades están a presentar á Xunta as fórmulas para materializar o recorte do 5% de masa salarial de maneira que mesmo están a barallar a eliminación de complementos específicos. Con esta medida, segundo sinalou Nogueira, “estarían a penalizar precisamente ao profesorado que ten unha maior produtividade que o resto".

Camiño da privada

A CIG denunciou que unha suba de taxas ademais dunha diminución do número de profesores e calidade docencia supón un achegamento cada vez maior ás universidades privadas.

De se ter dado un ERE formal, o certo é que a Universidade de Santiago, segundo Antonio Pérez Casas, con 600 empregados menos que no ano 2010, dun cadro de persoal de 4.000, debido á taxa de reposición do 10% no profesorado e do 0% no persoal técnico e administrativo. A masa salarial de 151 millóns de euros é así moi inferior á consignada para 2009 e 2010.

“O que nos di agora a Xunta é que ten que quedar en 143 millóns de euros. Iso significa 7,5 millóns de euros menos de masa salarial para a Universidade de Santiago” explicou Pérez Casas. Co recorte previsto, segundo engadiu, “escasamente chega aos 4 millóns, co que aínda falta un 3% e, ou ben estamos despedindo 115 persoas, ou ben duplicando as baixadas salariais decretadas para o conxunto de persoas empregadas no sector público, que xa son inxustas e que, no noso caso, serían dobremente inxustas”. Denunciou tamén a conta falsa ao redor das taxas xa que a Xunta fai unha estimación de 6 millóns de euros de recadación cando, ao seu ver, no mellor dos casos e cunha matrícula elevada chegaría a 2 millóns.

A merma de condicións laborais afecta de maneira especial ao PAS que, canda a unha redución salarial, ven incrementada a xornada laboral e reducidas vacacións e os días de asuntos propios. O colectivo está a protagonizar un peche na casa da Balconada da Universidade. 

Comentarios