O naval toma Vigo para exixir unha solución para un sector clave para a comarca e o País

Milleiros de operari@s participaron no paro de media xornada, na manifestación e na posterior asemblea
Cabeceira da manifestación polo naval
photo_camera Cabeceira da manifestación polo naval

O naval volveu,  máis unha vez, saír á rúa en Vigo para exixir dos gobernos galego e español un compromiso claro co sector que poña couto á crise que está a vivir o que é unha das trabes fundamentais da economía da comarca e do país. Centos de operari@s participaron tanto no paro de media xornada convocado polos sindicatos, como na manifestación que decorreu polas rúas da cidade olívica e na posterior asemblea. 

Nas mobilizacións demandouse dos gobernos da Galiza e do Estado que, alén de simples promesas e anuncios, dean pasos claros e firmes para procuraren unha alternativa ao sistema de bonificación fiscal e evitar así o que cualifican de morte do sector .

O paro e a manifestación son o limiar dunha semana intensa en defensa do naval que terá o seu cume o sábado, tamén en Vigo, cunha gran mobilización cidadá convocada de forma conxunta polos tres sindicatos: CIG, CCOO e UGT. Será a partir das 19.00 horas desde o cruzamento das rúas Lepanto con Urzaiz. As tres centrais reclamarán o apoio dos colectivos e institucións da cidade, así como da cidadanía en xeral.

 8.000 empregos perdidos desde o bloqueo da tax lease

Desde a CIG lembraron que a industria naval representa o 30% da riqueza da comarca e ten ocupado 10.000 empregos directos e preto de 30.000 indirectos. Ao mesmo tempo, denuncian que desde o bloqueo do tax lease xa desapareceron máis de 8.000 empregos e unhas 200 empresas tiveron que fechar. “Hai culpábeis políticos desta situación e temos que sinalalos; os gobernos español e galego teñen que buscar alternativas ao sistema de bonificación fiscal e facer unha aposta clara polo sector, xa que do contrario certificarán a súa morte”, manifestou o secretario comarcal da central nacionalista, Serafín Otero.

Pola súa banda, o responsábel do naval da CIG, César Rodríguez, lembrou o sucedido nos anos 80, “cando intentaron liquidar o sector e a cidadanía respondeu con mobilizacións contundentes”. Nesta liña, apostou por exixir na rúa unha solución urxente para un sector “que semella que queren deixar morrer” e que se atopa nunha situación crítica: o 50% das empresas auxiliares fecharon, un dos tres estaleiros tamén e outro (o maior do Estado español) atópase sen actividade.

Comentarios