Lesbianas, gais, transexuais e bisexuais reclaman “liberdade sen recortes”

Co lema “Liberdade sen recortes”o movemento de lesbianas, gais, transexuais e bisexuais conmemora o 28 de xuño, Día do Orgullo. Unha manifestación percorrerá Vigo o sábado 29 como acto central dunha xornada que cada ano rememora o inicio da loita dos colectivos contra a discriminación. 

Manifestación do Orgullo en Vigo
photo_camera Manifestación do Orgullo en Vigo (Foto Nós Mesma)

A manifestación sairá da Farola de Urzáiz ás 18.30 horas e percorrerá as rúas céntricas de Vigo baixo o lema “liberdade sen recortes” como acto central do Orgullo 2013 nunha semana na que, promovidos por colectivos e organizacións políticas decorreron conferencias, actos e concentracións por todo o país. 

A convocatoria aberta de Vigo responde a unhas demandas dos colectivos recollidas nun manifesto á o que se adheriron entidades e persoas a título individual. “Queremos que sexa un orgullo cidadán, un orgullo máis social e representativo. Un orgullo que amose o gran descontento social e o respaldo das nosas loitas pola sociedade en xeral e por outros movementos sociais” recolle o manifesto, despois de recoñecer que as agresións que sofren mulleres e homes LGTB estanse a ver agravadas tanto pola crise como polo recorte en dereitos promovidos por gobernos dogmáticos. 

Entre as principais reclamacións nesta edición do Orgullo está a do dereito á saúde, cunha especial atención para as persoas inmigrantes en situación irregular que viven con VIH e están a ser desatendidas no servizo público de saúde. O financiamento de tratamentos para persoas transexuais ou o acceso á reprodución asistida no sistema sanitario público por parte de mulleres lésbicas e bisexuais son outras das demandas dos colectivos, entre eles, Nós Mesmas de Vigo, asinante do manifesto que organiza toda unha semana de actos de reivindicación e visibilización. 

A formación no respecto á diversidade nos ensino con programas formativos para educadores é outra das demandas neste Día do Orgullo no que se denuncia a discriminación e mesmo acoso escolar que padece a mocidade LGTB nas aulas. 

Chegarán ao Parlamento 

As demandas dos colectivos de lesbianas, gais, transexuais e bisexuais chegarán ao Parlamento Galego a través dunha iniciativa presentada polo BNG que gusta garantir os dereitos dos colectivos, fitando de maneira especial no ámbito educativo, medios de comunicación e saúde.  

Defenden como obxectivo “eliminar prexuízos que conducen á discriminación e violencia”, de maneira especial nun momento no que a pegada do Partido Popular amparado pola Igrexa Católica se está a notar nos discursos discriminatorios nos medios de comunicación e en reformas lexislativas “regresivas”. 
En loita contra a homofobia, a lesbofobia e a transfobia, propoñen medidas para atallar a discriminación no ensino e nos medios de comunicación, con especial atención aos públicos. Canto ao sistema público de saúde, reclaman elaborar políticas que coiden do dereito das persoas LGBT sen patoloxizalas e, se é preciso, adaptando os protocolos de actuación. 

Alén de participar na manifestación de Vigo, organizan en Cambre a segunda edición do BNGai o sábado ás 20 horas no no Paraugas do Temple,coa participación de Lois Diéguez, Goretti Sanmartín, Xurxo Martínez e Nelson Quinteiro. 

As Xuventudes Socialistas de Galicia e o PSOE de Santiago penduraron a bandeira LGTB na súa sede para toda a fin e semana e leron no exterior da sede un manifesto reivindicativo dos dereitos dos colectivos con especial atención á diversidade afectivosexual na xuventude, tema desta edición do Orgullo. O grupo LGTB7 cores Compostela celebrará o sábado ás 12 no Pazo da Peregrina de Bertamiráns o acto “Visíbeis na Igualdade” coa participación do xornalista Alfonso Hermida a deputada Paloma Rodríguez e o arquitecto José  A. Vázquez Martín. Desde as XSG lembran que, malia a discriminación, nesta convocatoria pódese conmemorar a realidade do “matrimonio constitucional”. 

“Fronte á crise do réxime. Orgullos@s e combativ@s” ALEAS-EU que reclama un día do Orgullo “combativo, antipatriarcal, feminista, ecoloxista e anti-heteropatriarcal” e rexeita a “mercantilización e o uso partidista da convocatoria” que acontece en cidades como A Coruña. 

Na Praza do Obradoiro, na tarde da sexta feira, Galiza Nova desenvolve un acto simbólico coa lenda “O noso orgullo, a nosa loita” no que denuncia a discriminación e demanda avances e dereitos para homes e mulleres LGTB.

Comentarios