O informe que responsabiliza a Francisco Vázquez no caso Relámpago vai hoxe ao pleno do concello da Coruña

Un dos maiores escándalos urbanísticos da cidade da Coruña vivirá hoxe un novo episodio, no pleno do concello. Un informe municipal apunta a responsabilidade do ex-alcalde, Francisco Vázquez, nun asunto que lle vai pasar unha factura xigante de 50 millóns de euros ao erario público. O BNG pide que o informe se traslade ao Tribunal de Contas e que se depuren as responsabilidades de quen tamén fora embaixador do estado no Vaticano.

O concello da Coruña expropriou uns solares nos anos 1989 e 1990 para a construción, en teoría, dun campo de fútbol e, pasado o tempo, neles se edificou un centro comercial, acompañado de vivendas, algunhas aínda sen construír. Un informe elaborado por técnicas municipais -en concreto, dúas funcionarias- apunta a responsabilidade directa de Francisco Vázquez no que se chamaou Caso Relámpago, un asunto que lle vai custar uns 50 millóns de euros ao erario público, en concepto de perdas patrimoniais e indemnizacións. Hoxe ese informe vai a pleno municipal. O BNG pide que se depuren as responsabilidades do ex-alcalde e que se leve o informe ao Tribunal de Contas.

O informe contén documentación segundo a cal fica demostrado que Francisco Vázquez supervisou persoalmente o procedemento da adquisición das parcelas a finais dos '80 e principios dos '90.

O presidente da Confederación de Empresarios de Galiza, un dos beneficiarios da operación inmobiliaria

Despois da recualificación dos terrenos -realizada en 1998-, algúns foron vendidos aos promotores inmobiliarios, en ocasións, a prezo de solo para vivenda de protección, a 323 euros o metro cadrado, cando o prezo do solo libre estaba situado nos 835 euros. As vivendas de protección nunca foron construídas, cando se deberían construír no prazo de dous anos. Alén desta irregularidade, estabelecida no informe, o concello asumiu ademais os gastos de urbanización.

Porén, e nas súas conclusións, as técnicas municipais non culpan ninguén directamente desta e outras irregularidades na xestión (e, por tanto, evitan recomendar que se responsabilice ninguén). Alegan que no asunto tomaron parte distintas persoas e que non se pode individualizar a responsabilidade de ningunha delas en concreto. Porén, o informe si contén documentación que sinala sen dúbidas a Francisco Vázquez como a instancia decisoria última no desenvolvemento de todo o proceso.

O BNG demanda que o asunto se leve ao Consello de Contas, entrementres o concello alega que xa lle deu traslado á Fiscalía

Entre as empresas que tiraron beneficio económico desta operación figura a de Antonio Fontenla Ramil, presidente da Confederación de Empresarios de Galiza, e socio da familia de Francisco Vázquez en diversos negocios.

O BNG demandará hoxe no pleno, que comeza ás 9.30 horas, que exixan as responsabilidades do ex-alcalde e o asunto se leve ao Tribunal de Contas. O concello argumenta que isto último non é posíbel ao trasladar o informe ao Fiscal do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. Para a formación nacionalista, en troca, a investigación do Tribunal de Contas é perfectamente compatíbel coa que eventualmente poda realizar a Fiscalía.

Unha venda política

O rotativo coruñés La Opinión publica hoxe unha información segundo a cal unha xefa de Urbanismo do concello da Coruña declarou as instrutoras do informe que a venda de edificabilidade en Someso -na cal o concello perdeu varios millóns de euros, para beneficio de promotores privados- obedeceu a máis unha decisión política que técnica. As decisións políticas tomounas directamente Francisco Vázquez.



Comentarios