O goberno de Feijóo adoutrina con cursos de formación para persoal da Xunta

A defensa do centralismo e do Estado unitario é o cerne do curso “Futuro do Estado Autonómico” que a Xunta organiza con destino ao persoal de función pública. O curso forma forma parte da formación de empregad@s da Xunta e está pagado con cartos públicos. 

San Caetano, Xunta da Galiza
photo_camera San Caetano, Xunta da Galiza

“A Xunta non se priva de utilizar cartos públicos autonómicos para atacar a propia configuración autonómica galega que lle permite dispoñer deses cartos” denuncia a CIG da Administración. Sinala, desta maneira, que se están a detraer cartos da Escola Galega da Administración Pública que tiñan que estar destinados á formación continua das persoas con emprego público para organizar cursos “de adoutrinamento político aos que inventar aos amigos do partido”. 

Negreira e Romay Beccaría, poñentes

Entre os participantes do curso “Futuro do Estado Autonómico” atópanse o alcalde da Coruña, Carlos Negreira ou Romay Beccaria, presidente do Consello de Estado , ex-conselleiro de Sanidade con Fraga e recoñecido membro do Opus Dei. Ademais, entre os once homes que compoñen o programa, atópase Tomás Ramón Fernández Rodríguez, catedrático emérito da Complutense e popular por defender en programas televisivos da ultradereita a necesidade de reformar o título VIII da Constitución para reducir competencias das autonomías ou Roberto Blanco Valdés. 


Segundo a CIG-Administración, a organización do curso responde “ao camiño trazado pola FAES, fundación que marca a liña ideolóxica do PP, no sentido de atacar á función pública primeiro, logo ás autonomías e do Estado do Benestar, en xeral”. Trátase, ao seu ver, dunha actividade  partidista, “non de formación senón de ideoloxización”, na que se veta calquera posición que se opoña á recentralización do Estado. 

O curso comeza o mércores ás 19 horas e a Xunta publicitouno con correos directos aos enderezos corporativos do conxunto de traballadores e traballadoras. 

Comentarios