O galego continúa a ser invisíbel na UNED

Nada indica que o centro asociado sexa de Ourense ou Pontevedra, ben podería ser Cádiz ou Palencia. Tampouco deixan presentar traballos en galego e non é difícil atopar topónimos deturpados nos materiais oficiais.

UNED
photo_camera UNED

A UNED continúa a dar ás costas á nosa lingua, incumprindo o mandato dos seus propios estatutos. A Mesa reclama a normalización da situación do galego nesta universidade a distancia de carácter público. 

O galego continúa a sen ser recoñecido nin siquera tolerado na Universidade a Distancia. Os centros asociados, tres edificios cos que conta na Galiza para actividades, titorías e exames, son alleos á nosa lingua que está ausente igualmente dunha páxina web só é accesíbel en español ou inglés. O alumnado tampouco pode ter titorías en galego e os atrancos son inmensos á hora de quereren presentar traballos na nosa lingua, coa disculpa de que son de Madrid o profesorado que o ten que avaliar. A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que a UNED está de costas virada para o galego até o grado de que mesmo se lle negou a unha alumna a convalidación dun ciclo da USC por ter escollido a materia de lingua galega como troncal, sen darlle siquer a posibilidade de convalidala como materia optativa. 

O Presidente da Mesa, Carlos Callón, denuncia que boa parte do estudantado ten problemas para desenvolver a súa formación na nosa língua. “Esta universidade pública, na medida en que ten entre os seus ámbitos de actuación o de Galiza, está obrigada a recoñecer a oficialidade do galego. Non pode continuar manténdose de costas á realidade plurilingüe do Estado”.

Mália estaren subvencionados por concellos e deputacións galegas, e estar recollido nos seus propios estatutos, a lingua desaparece da actividade da UNED, e tanto ten, para o seu funcionamento estar matriculada en Ourense e Pontevedra ou Burgos e Palencia. 

 "A UNED está obrigada a recoñecer a oficialidade do galego. Non pode continuar manténdose de costas á realidade plurilingüe do Estado”.

Carlos Callón destaca a relevancia de que o estudantado defenda os seus dereitos lingüísticos e lembra a loita de Heitor Mera para presentar a súa tese de doutoramento arredor da vida e obra de Bernardino Graña en galego, batalla que chegou mesmo ao Congreso dos Deputados co fin de tumbar a normativa que impedía a presentación de teses en galego, catalán ou euskara cando si estaba permitido facelos noutros idiomas non oficiais como francés ou inglés. 

A Mesa demanda unha vez máis presenza real da nosa lingua na UNED e ponse da parte do estudantado que reclama a presenza real do galego na universidade pública a distancia tal e como se recolle nos seus estatutos, nos que consta que unha das misións é “apoio ás linguas e culturas de España”, alén de esitpular que se potenciará a docencia e o coñecemento das linguas oficiais, a incorporación á páxina web e outras pulblicacións ou a titorización na lingua oficial que o alumnado queira. Por iso aplaude a iniciativa de Roberto Otero Ledo á hora de se presentar nas eleccións de delegados e delegadas e defender a igualdade da presenza do galego. Estudante de Grao de Literatura e lingua española, Roberto Otero dirixiulle un correo ao alumnado no que que denuncia que "o galego, malia non ser recoñecido nin tolerado pola UNED, é a nosa lingua propia, e asemade cooficial” e reclama a súa normalización. 

Comentarios