O FMI urxe ao goberno de Rajoy subir o IVE e baixar salarios

As novas recomendacións do FMI adiviñan que Rajoy adiantará a subida do IVE xunto con outros impostos e a baixada de salarios dos funcioarios privados. O FMI tampouco esquece o sector privado e recomenda tamén un descenso nos soldos das persoas contratadas.

Na análise do Fundo Monetario Internacional (FMI) referida á situación económica do Estado Español, anuncia que para acadar a “confianza dos mercados” é preciso endurecer as medidas que suporán unha baixa do poder adquisitivo de persoas asalariadas cunha inminente rebaixa recomendada de salarios –do sector público de forma especial, mais non só- xunto cun incremento do IVE, como medidas urxentes, o que deixa, máis unha vez á vista sobre quen vai recair o pago do rescate bancario.

A institución liderada por Christine Lagarde estima que o déficit orzamentario excederá o 5,3% do Produto Interior Bruto (PBI) e recomenda, polo tanto, axustar a situación coas mesmas medidas que xa se teñen aplicado noutros países sometidos a rescate bancario como son Portugal e Grecia, é dicir, subir impostos e baixar salarios.

Penar o consumo

O FMI advirte con claridade a Mariano Rajoy que non pode agardar para o próximo ano para a subida de impostos e que compre activar o incremento do IVE e outros impostos que gravan o consumo, medidas que non veñen senón confirmar a liña na que o executivo español estaba a traballar, acorde coas indicacións da institución de Lagarde que reclama que estas medidas deben ser xa lexisladas. Demanda a eliminación tamén da reducción por compra de vivenda.

O informe do FMI recolle tamén recomendacións de baixada de salarios para o sector privado cando reclama unha “solución global, en que os traballadores acepten unha maior moderación salarial, que os empresarios fagan reflectir as rebaixas de custos nos prezos e no aumento do emprego e os bancos se recapitalicen”. No entanto, sinala que o obxectivo de redución do déficit é moi difícil de acadar. O programa de rescate incrementa a vixiancia do FMI sobre o goberno de Rajoy.

De todos xeitos, a posibilidade de impago da débeda e do rescate poñen ao gobeno de Rajoy diante dun posíbel segundo rescate que xa avanza a prensa internacional, o The New York Thimes ao Público de Portugal.

Comentarios