O Estado modifica os orzamentos da Galiza para recortar 26 millóns de euros máis

O organismo español Consello de Política Fiscal e Financeira adopta unha decisión que é calificada de “centralista” e "ataque ao autogoberno"
Madrid decide sobre as contas públicas galegas
photo_camera Madrid decide sobre as contas públicas galegas

O Consello de Política Fiscal e Financeira decidiu que os orzamentos da Galiza van ser modificados para aplicar un recorte de 26 millóns de euros. Unha decisión sobre as contas públicas galegas que parte dun dos órganos centrais do estado, e non do Parlamento galego.

 Esta medida xa xerou a reacción de diferentes forzas, nomeadamente do BNG, que a través da súa portavoz parlamentar, Ana Pontón, manifestou que esta medida amosa “a continúa ofensiva centralizadora do PP. Non é lóxico que os orzamentos galegos sexan modificados polo Consello de Política Fiscal e Financeira. É unha burla á autonomía de Galiza tolerada por Feijóo”.

En declaracións ao programa Faladoiro, da TVG, a deputada nacionalista incidiu en que esa decisión, alén do que significa de novo ataque ao autogoberno de Galiza, supón que os novos recortes afondarán aínda máis a recesión que sofre o país. “As políticas do PP estannos a traer máis paro e máis recesión”, dixo Ana Pontón.

O 'Consejo de Política Fiscal y Financiera de las Comunidades Autónomas' foi creado en 1980 pola LOFCA (Lei Orgánica de Financiación das Comunidades Autónomas), co obxectivo de "adecuar a coordinación entre a actividade financeira das Comunidades Autónomas e da Facenda do Estado".

Comentarios