O escarnio popular cébase co presidente da Xunta e co seu amigo narco

Saímos á rúa para coñecer a opinión da cidadanía arredor das imaxes publicadas polo diario español 'El País' en que o presidente da Xunta aparece acompañado do narcotraficante Marcial Dorado


Se en algo coinciden tod@s @s entrevistad@s con que falou Sermos Galiza polas rúas da capital galega é que a relación do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, co narcotraficante arousán, Marcial Dorado, non é algo casual.

A pose de inxenuidade que compuxo o líder conservador para xustificarse, asegurando que non tiña coñecemento algún das actividades delituosas de ese colega co que compartiu nos noventa iate, estancias na Illa de Arousa e Baiona e mesmo viaxes a Andorra, deixaron abrollar toda a inventiva popular para o sarcasmo, os símiles e a parodia. 

“Quen tivera os contactos de Feijoo nunha noite de esmorga”, di con sorna un músico que prefire non ser identificado. Outr@s coma Camilo Pérez, con 44 primaveras ao lombo, botan man do cine de humor para establecer analoxías.

“Xa parece o candidato Paíño da película de Airbag: presidente da Xunta, aspirante da dereita a Madrid e con contactos no narcotráfico; só lle faltaba unha menor”, ironiza. “Tanto querer xestionar o público coma privado e, cun escándalo así, non durarían nin dous días se o Estado se rexese coas lóxicas de empresa”, engade  Xalo G. Calloso, compositor e técnico de son.

“Nada é casual en política”, acrecenta Carlos Varela após recoñecer o “noxo” que lle inspira a política actual. Para Marta Lores, profesora de química na USC e orixinaria do Grove, “é paradoxal que precisamente un funcionario de sanidade mantivese relacións cun dos narcos máis soados fóra da  comarca do Salnés”, tendo en conta “a cantidade de xente que nesa época ficou no camiño por causa da droga”.

Aliás, chama a atención sobre a habilidade de Feijóo para usar o termo de contrabandista no canto de narcotraficante “cunhas connotacións histórica e socialmente moito mellor aceptadas”, observa a docente meca, “ e a pesar de que actualmente ambas figuras non se diferencian”.
 
“Parece unha broma que quen era a imaxe pública máis respectable do PP galego, fronte a casos abraiantes coma o de Conde Roa, se esforce en declarar que non sabía nada cando as actividades de Marcial Dourado eran de dominio público”, insiste o ferrolán Pablo Pesado dende a praza de Cervantes. “Tería que iniciarse unha investigación moi seria e, como mínimo, Feijóo debería, se non dimitir, si deixar aberta a opción dun novo sucesor”, mantén Pesado. 

Desde a Porta do Camiño, Sara Moias afirma que “a eiva está no propio sistema” por contemplar a posibilidade dos políticos non dimitiren cando son sospeitosos de actividades ilícitas. “A maioría d@s votantes galeg@s non castigan o PP por un tema de proxección; pensan que lles gustaría chegar tan arriba coma Feijóo e que esta posición xustificaría calquera tipo de acción”, razoa.

Os soños madrileños do presidente

“Un político está obrigado a ter unha conduta moral duplamente irreprochábel que calquera outro cidadán por ser un cargo público; o presidente da Xunta non pode xustificar unhas condutas inmorais por seren de hai 20 anos”, argumenta Xalo Calloso. “Temo que esta polémica vaia cortar a súa soñada carreira política en Madrid e, consecuentemente e por culpa da falta de castigo electoral ao PP, teñamos Feijóo para un bon bocado na Galiza”, conclúe o músico.  

Pola súa banda, Tito Ramos, de 57 anos de idade, chancea sobre a vida de xuventude do presidente e, en contraste, opina que o escándalo danará pouco a imaxe pública de Feijóo e o seu peso na dereita española. “Como estes do PP son tan putrefactos e corruptos, nun tempo, as fotos destes dous artistas parecerán unha minucia”, manifesta.

O circo mediático

Neste senso, a pianista Helga Fernández denuncia que “se un escándalo de corrupción vai solapando outro, a cidadanía fica desorientada pola sobreinformación dos medios”. “A corrupción sempre estivo aí, mais agora interesa especialmente tirala á luz para desviar a atención dos verdadeiros problemas da sociedade, para alimentar o circo mediático e servir coma arma política”, razoa. 

Na mesma liña, o actor angolano Paulo Alexandre recorda o caso de Quintana no iate co construtor da empresa San José e as duras críticas de Feijóo ao nacionalista do que chegara a pedir a súa renuncia. “O macaco só olha pro rabo do outro, e esquece o seu”, conclúe a gargalladas Paulo baixo o sol da Quintana.

Comentarios