Reflotan o cargueiro que cortou durante horas o tránsito marítimo na ría de Ferrol

O cargueiro “Anna” que embarrancou na boca da ría de Ferrol, nas inmediacións do castelo de San Carlos, foi reflotado a media tarde sen que se desen fugas de combustíbeis nin danos persoais. O accidente provocou o corte do tránsito marítimo durante horas.

O buque, de máis de cen metros de eslora, embarrancou na entrada da Ría, ao pé do castelo de San Carlos cando se dirixía sen carga ao peirao para recoller pezas de aeroxeneradores. Descoñécense as causas do embarrancamento mais todo indica que o cargueiro chocou contra as pedras por navegar demasiado cerca da costa ou ben que se tratou dun problema de máquinas. A operación de reflote tardou unhas horas debido a que o momento do embarrancamento coincidiu coa baixada da maré. A posición do cargueiro na boca da ría obrigou a paralizar o tránsito marítimo que posteriormente volveu á normalidade. Dous remolcadores foron os encargados de reflotar o barco.

Comentarios