O 8 de febreiro o De Luns a Venres sairá xa como semanario e xa só se repartirá nas rúas das sete cidades a quinta feira. Sen prezo de capa, a publicación gratuíta do Grupo El Progreso -que edita os diarios El Progreso e Diario de Pontevedra- mantíñase como único diario publicado integramente en galego, con distribución non en quiosques senón de reparto na rúa.
A empresa editora anuncia o cambio a través das súas webs e, malia a modificación da periodicidade, a publicación pasará, segundo afirman, a ter máis páxinas e continuará distribuíndose nas sete cidades. LV. De Luns a Venres levaba desde decembro de 2006 nas rúas cunha estimación por parte do grupo editorial de 38.000 lectores. Anuncian tamén que reforzarán a edición dixital e a subscrición a través de correo electrónico alén de manter a información en redes como Facebook ou Twitter.
O cambio de periodicidade na publicación de De Luns a Venres enmárcase na política de recortes do grupo editorial, que vén tamén de prescindir do que foi durante trece anos director do Diario de Pontevedra, Antón Galocha, aludindo unicamente a razóns de tipo económico. Coa noticia do paso a semanario do gratuíto sábese tamén que a empresa despide nove traballadoras, algunhas xornalistas do diario e outras da axencia de noticias do grupo.