O conflito entre o PSC e o PSOE agrava a crise do réxime político da transición

Cada vez hai máis indicios de que o réxime político da transición non vai sobreviver a esta crise. Xa non é só que a Monarquía cambalee ou que o cheiro a lixo sexa inaturábel na Rúa Génova, na que até hai ben pouco Bárcenas aínda dispuña dun despacho. Agora, o voto do PSC a prol do dereito a decidir de Catalunya deixa moi tocado ao PSOE, un dos esteos do bipartidismo estatal. Carme Chacón xogou á imposíbel equidistancia e nen votou si nen votou non nen se abstivo. Simplesmente non votou. A facción máis españolista do PSOE chama a rachar co PSC e a presentarse con siglas propias en Catalunya.

O PSC é un partido formalmente soberano -isto é, ten persoalidade propia, non é unha federación do PSOE, ao estilo do PSdeG-PSOE-, mais desde 1977 nunca votara distinto ao PSOE no Congreso. Onte mudou a historia e por vez primeira o PSC rachou a disciplina de voto do grupo parlamentar no que se acha inserido. O PSC votou a favor de senllas iniciativas de CiU e ICV a prol do dereito de Catalunya a decidir, unha expresión eufemística que denota o dereito de autodeterminación. As consecuencias aínda están por ver.

As presións sobre o primeiro secretario do PSC, Pere Navarro, foron moi intensas por parte do aparato de Ferraz. Mas o PSC apenas tiña marxe de manobra. De pregarse aos ditados da Executiva que lidera Rubalcaba, o Partit dels Socialistes de Catalunya tería entregado todo o campo da esquerda no seu país a ERC e ICV. Alén do máis, un voto contrario ao dereito a decidir tería sido tanto como autoemendarse, pois o PSC ten defendido na recente campaña eleitoral a convocatoria do referendo. Cousa ben distinta é respaldar a opción independentista. Embora parte do seu eleitorado ver con bos ollos o surximento dun Estado catalán, o PSC non manexa hipótese distinta á de pedir o voto contrario no referendo.

"Eu non vou respaldar a ruptura con España". Así de enfática se mostrou Carme Chacón ao facer público que non votaría co PSC. Mas tampouco co PSOE. Simplesmente non votou. A equidistancia é un pinchacarneiro imposíbel e deixa en terra de ninguén á candidata derrotada por Rubalcaba no Congreso que elixiu o vasco como secretario xeral. Na contorna de Chacón, con todo, afírmase que a ex ministra de Defensa non podía facer nada diferente se realmente quería manter as súas opcións a liderar no futuro o PSOE.

O incerto futuro da marca PSOE en Catalunya

O sector máis españolista do partido socialista non demorou en amosar as gadoupas. Alfonso Guerra pediu directamente a ruptura co PSC e que o PSOE se presente como tal perante o eleitorado catalán. Todo apunta a que Rubalcaba non avalará ese movemento, entre outras cousas porque o suceso eleitoral da marca PSOE sería máis ben incerto en Catalunya e porque o cisma co PSC non faría máis que reforzar as posicións dunha emerxente Esquerra Republicana que, como asinalan os últimos inquéritos coñecidos, ameaza xa a primacía de CiU na política catalá.

O sector máis españolista do PSOE pide directamente a ruptura co PSC

A subordinación ao PSOE do PSC -que chegou a ter grupo parlamentar propio no Congreso- foi unha das características do rexime político español desde 1977. Mas o debate soberanista aberto en Catalunya está a mudalo todo, nun contexto marcado por unha das crises máis profundas do capitalismo desde 1929 e polo aberto cuestionamento da monarquía, fenómeno novo no Estado desde a morte do ditador.

Por moito que teime Alfonso Guerra os ventos da historia non sopran a favor do retorno ao pasado.

Comentarios