O Colexio de Xornalistas 'indignado' polo caso de Rafael Estévez

A institución solicitará unha queixa formal á Delegación do Goberno. Asemade, solicitará unha entrevista co seu titular polo que afirman 'non é primeira ocasión nos últimos meses en que temos dirixirnos a esta institución por motivos similares'.

Tal e como estaba previsto ás 13 horas tivo lugar unha concentración diante da Subdelegación do Goberno en Pontevedra en protesta pola detención e posterior xuizo do fotorreporteiro Rafael Estévez. A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza tamén fíxo público un comunicado no que manifesta a súa 'profunda indignación' polo caso do fotorreporteiro Rafa Estévez. Desde o Colexio sinalan que "ao parecer ninguén viu" a agresión que indica a policia diante de tantas testemuñas e si "a detención e o uso desproporcionado da forza, a humillación innecesaria, a vinganza inmediata e in situ, sen importar quen estiver diante". 

O comunicado remata expresando a súa "solidariedade con Rafael Estévez" e informa de que "elevará unha queixa formal á Delegación do Goberno, así como unha entrevista co seu titular" posto que, segundo aseguran "non é primeira ocasión nos últimos meses en que temos dirixirnos a esta institución por motivos similares".

A Asociación da Prensa da Coruña (APC) tamén enviou un comunicado con críticas sobre a actuación policial na detención de Rafa Estévez. 

Xuizo rápido
Este mediodía tivo lugar o xuizo rápido contra o fotógrafo Rafael Estévez. Segundo informa Diario de Ponetevedra, no acto de conciliación non houbo acordo polo que agora as dilixencais pasan ao xulgado de instrucción ou penal. A acusación é dunha suposta agresión a un policia, desobediencia e atentado contra unha autoridade cunha petición de un a tres anos de cárcere. O fotógrafo pediu parte médico de lesións e peritaxe do seu equipo fotográfico.
Segundo difunde este xornal, os feitos foron consecuéncia da "caótica" organización da chegada d@s deportistas a Peinador. Un choque involuntario cun dos policias desencadenou unha reacción que desde o medio califican de desproporcionada.

Apoio político e sindical
Ademais do Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza e a Asociación de Prensa da Coruña, algúns partidos políticos e sindicatos pediron explicacións sobre o sucedido. O BNG, a través da súa viceportavoz no Grupo Parlamentario Ana Luísa Bouza, e o PSdeG-PSOE, en declaracións da viceportavoz Carmen Gallego, calificaron a acción policial de desproporcionada. O Sindicato Galego de Xornalistas denunciou nun comunicado "a violencia gratuíta e innecesaria" e aseguran que "non é a primeira nin a segunda vez que o SXG e outros colectivos da profesión teñen que denunciar o trato que dan os axentes da Unidade de Intervención Policial aos informadores".

 

Imaxe: @franmuradas 

Comentarios