O BNG reclama unha compañía ferroviaria galega contra os recortes de Madrid

Competencias en materia ferroviaria e unha compañía pública galega. Son as principais demandas que Xavier Vence puxo sobre a mesa en Monforte no peche da campaña do BNG, “Que non nos rouben o tren”. Defendeu un servizo social que responda ás necesidades do país e non ao beneficio dunhas poucas persoas. 

Acto BNG defensa ferrocarril.
photo_camera Acto BNG defensa ferrocarril.

En tren desde Ourense chegou a Monforte o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, para pechar a campaña “Que non nos rouben o tren”. Fronte á política de recortes do PP, o nacionalista reivindicou competencias en materia ferroviaria e unha compañía galega co fin de que o servizo responda ás necesidades da poboación e non aos intereses dunhas poucas persoas. 

Xavier Vence acusou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo de ser “copartícipe do certificado de defunción do servizo ferroviario en Galiza” que, segundo destacou, esmorece abafado pola privatización e a eliminación de paradas. 

“De pouco vale termos quilómetros de vías de alta calidade se os servizos que se nos ofrecen diminúen”, dixo Vence momentos antes 

de subir ao ferrocarril en Ourense. Denunciou a “desestructuración” territorial nos camiños de ferro que o país está a sufrir fronte á priorización en investimentos coa conexión por alta velocidade con Madrid no que cualificou de política “centralista e madrileña” do Ministerio de Fomento. Chamou a atención, desta maneira, sobre os prezos dos billetes que favorecen á conexión coa capital española xa que no que sae da Coruña ás 8.35 custa 25,20 chegar a Ourense e 19,90 a Madrid. 

Reclama o BNG competencias plenas en materia de transporte ferroviario e a constitución dunha comañía galega para o que esixiu da Xunta que represente os intereses da Galiza fronte aos recortes do Goberno do Estado. Lamentou así o portavoz nacional que Feijóo estea a ser “cómplice” da merma do servizo no país.

Comentarios