O BNG quere que a Xunta faga valer as súas competencias sanitarias e elimine o repago

Outros gobernos autonómicos elaboraron este tipo de normativas, para minimizar así o seu impacto entre @s pensionistas

O Bloque Nacionalista Galego propoñerá no Parlamento que a Xunta desenvolva unha normativa propia , en virtude das competencias sanitarias que lle atribúen as leis galegas e o estatuto, que elimine o copago farmacéutico para as e os pensionistas e reduza o seu impacto nas economías familiares galegas.

O BNG, a través da súa viceportavoz e voceira de Sanidade, Ana Luisa Bouza, rexistrou unha proposición non de lei neste sentido e tamén unha interpelación denunciando as incidencias que se están a producir coa implantación deste sistema recadatorio.

"Cumprida unha semana dende a súa posta en marcha, demostrouse a evidencia de que é un sistema inxusto e insolvente", explica Bouza, quen asegura que dende o primeiro día, as persoas afectadas se decataron de que a realidade do recorte empeoraba a súas previsións.

Neste sentido, a deputada advertiu de que os topes afectan a cada unha e un dos usuarios que dependen dun titular, co que unha pensión pode soportar o duplo ou o triplo tope de 8 ou 18 euros, segundo o caso.

Comentarios