O BNG presenta ao naval a Banca Pública Galega como unha solución á crise do sector

O candidato do BNG á presidencia da Xunta mantivo unha xuntanza con representantes das e dos traballadores do sector, tanto de estaleiros como auxiliares

Jorquera na xuntanza con representantes d@s operari@s do naval
photo_camera Jorquera na xuntanza con representantes d@s operari@s do naval

Unha delegación do BNG, encabezada por Francisco Jorquera, reuniuse con representantes sindicais das distintas empresas do sector naval de Vigo, tanto dos estaleiros principais como das industrias auxiliares para presentarlles proposta a proposta do BNG a prol de crear unha Banca Pública Galega e tamén para ter un diálogo cos representantes dos traballadores do naval sobre os problemas do sector e as medidas a tomar.

Jorquera manifestou que “ambas cuestións están estreitamente vencellada”.

Así, o candidato do BNG á presidencia da Xunta puxo de manifesto que “a crise que está a padecer o naval obedece a distintos factores, a suspensión do tax lease foi un deles pero non o único, pois outro deles é a falta de financiamento para construír barcos, que dificulta que poida haber contratacións”.

 Neste sentido, subliñou que “ferramentas como a Banca Pública Galega que propón o BNG serían moi útiles para iniciar a recuperación dun sector que para a economía de Vigo e do conxunto de Galiza é vital”.

A Banca Pública Galega sería moi útil para a economía de Galiza”

Ademais, Jorquera defendeu “un cambio de estratexia por parte do Goberno, nun momento no que un dos factores que está provocando o estrangulamento da economía produtiva é precisamente a ausencia de crédito, e nun momento no que se están mobilizando inxentes cantidades de recursos públicos para sanear con cartos de todos a banca privada”.

Por iso, reclamou que “o lóxico sería nacionalizar esa banca, facela pública, e que Galiza se dote de instrumentos financeiros para impulsar a súa economía produtiva e evitar que o aforro dos galegos sexa expoliado para investilo noutras partes do Estado”. “E iso sería útil para todos os sectores produtivos de Galiza”, subliñou.

“Unha sentenza absolutamente desproporcionada”

 Por último, Francisco Jorquera manifestou a "total solidariedade" do BNG con Antolín Alcántara e Ramón Sarmiento, os sindicalistas condenados a 9 e 6 meses de cárcere por defender os dereitos dos traballadores. Afirmou que “o BNG considera a sentenza xudicial absolutamente desproporcionada".

Comentarios