O BNG preguntará a Bruxelas se a exención do IBI da igrexa é acorde coa normativa europea

A eurodeputada Ana Miranda e o portavoz nacionalista no Concello de Compostela, Rubén Cela, dos primeiro municipios do país onde se pediu o cobro do Imposto de Bens Inmobles á igrexa; defenden a fin dos privilexios fiscais á institución católica

A eurodeputada Ana Miranda presentará unha iniciativa nas institucións da UE para que Bruxelas dictamine se a exención do pago do IBI por parte da igrexa é compatíbel coa normativa europea. Unha cuestión que non é menor, pois a iniciativa dun eurodeputado italiano levou a que Italia tivese , a requerimento da UE, que finiquitar a exención do IFI (o IBI no país transalpino). Un escenario que o BNG confía que tamén se produza co Estado español.

"Por que un comercio paga IBI e a igrexa non por un local seu que sexa adicado a hostalaría?" sinala Ana Miranda

Miranda presentou estas iniciativas en Santiago de Compostela, cidade onde o BNG solicitou no seu omento que o Concello cobrase o IBI á igrexa, abrindo así un camiño seguido logo por outras organizacións en diferentes cidades e vilas do Estado. A eurodeputada explicou que a petición ante Bruxelas resúmese no concepto de que aa a igrexa non debe ter “privilexios fiscais”, e menos nunha situación de crise na que a cidadanía está a soportar recortes e subas de impostos como o IBI.

Ana Miranda avoga, alén diso, porque a Unión Europea promova un marco comunitario que regule de forma clara as normas de financiamento dos cultos relixiosos no ámbito comunitario.

“Non é unha teima anticlerical, é unha cuestión de xustiza”, explicou Rubén Cela

Uns 200.000 euros

Rubén Cela, pola súa parte, sinalou que a proposta do BNG refírese aos locais e bens da igrexa de uso privado. “Non pedimos que pague o IBI polos lugares de culto, como a Catedral, nin por aqueles de uso social, caso da cociña económica, nin polos bens de función educativa”, manifestou o portavoz municipal do BNG na capital da Galiza.

Os nacionalistas calculan que co cobro do Imposto de Bens Inmobles á igrexa en Compostela, as arcas municipais poderían recadar uns 200.000 euros ao ano “que poderían ir integramente a fins sociais”. Nesta liña, Cela lembrou que o plan de axuste do Concello fixou para os vindeiros anos unha importante suba no IBI, polo que “non é de xustiza” que a igrexa estea exenta de pagar ese iposto. “Non é unha teima anticlerical, é unha cuestión de xustiza”.

Comentarios