O BNG pide no Congreso a dimisión de Wert

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, pediu ao ministro de Educación, José Ignacio Wert, que retire a LOMCE e que dimita el mesmo, “pola nula capacidade de consenso” que ten mostrado durante a tramitación da lei. O ministro anunciou que ía manter contactos cos grupos para debater o contido do proxecto. 

Wert Congreso
photo_camera Wert Congreso

O ministro José Ignacio Wert compareceu o mércores no Congreso a instancias do BNG e outros grupos da cámara que solicitaron a súa intervención para debater sobre a LOMCE. Rosana Pérez, do BNG, pediu a dimisión do ministro pola súa falta de capacidade de consenso e por “servir a intereses moi distintos dos que demanda a inmensa maioría da sociedade”. 

Despois do pasado venres, 17 de maio, terlle dado o Consello de Ministro luz verde ao texto legal para que continúe a súa tramitación parlamentaria, a comparecencia de Wert en comisión serviu para demostrar máis unha vez a forte oposición política que recava a lei, en especial, desde as forzas nacionalistas que acusan o seu feroz centralismo. 

“É a reforma máis contestada que lembramos en moito tempo” sinalou Rosana Pérez nunha sesión na que José Ignacio Wert volveu anunciar que se reunirá cos grupos parlamentares para explicar o contido dunha lei que volveu defender como conveniente para superar o fracaso educativo. 
Rosana Pérez lembroulle que a LOMCE é unha lei “impulsada pola xerarquía da Igrexa católica, a grande patronal do ensino privado e concertado, e os sectores máis reaccionarios e retrógrados da dereita que priorizan a ideoloxía, a uniformización, a imposición e a recentralización por riba da igualdade de oportunidades, a calidade e estabilidade”. Ao seu ver, en calquera país da UE o respresentante do goberno tería dimitido se unha proposta legal recibe un ditame como o emitido polo Consello de Estado. 

"“Trátase dunha lei impulsada pola xerarquía da Igrexa católica, a grande patronal do ensino privado, e os sectores máis reaccionarios da dereita que priorizan a ideoloxía, a uniformización, a imposición e a recentralización por riba da igualdade de oportunidades, a calidade e estabilidade”.

En canto á resposta de Wert de que a Lei está deseñada para a mellora do rendemento e para paliar o alto grao de fracaso escolar, o BNG preguntouse en que medida a legalización dos concertos con centros que segregan, a invasión de competencias das comunidades autónomas ou a imposición lingüística do español e a eliminación do galego do ensino van influír neses obxectivos. Pola contra, segundo a parlamentaria a lei contribuirá a incrementar o fracaso de nenos e nenas con menos recursos, con maiores dificultades de aprendizaxes ou con necesidades específicas. Ao seu ver, do que se trata é de botar adiante unicamente cos votos do PP dunha lei que está pensada co único fin do “control ideolóxico”. O ministro rebateu defendendo que o actual sistema é o que segrega ao botar fora un cuarto do alumnado. 

Rosana Pérez defendeu que a LOMCE  “é un texto preconstitucional, que establece a imposición lingüística en favor da españolización do alumnado nos territorios con lingua propia, onde os cidadáns e CC.AA terán que pagar a escola privada dos alumnos que queiran escolarizarse en castelán”.

Comentarios