O BNG pide a prórroga indefinida do Plan Prepara

A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou a iniciativa en rolda de prensa, reclamando que se restabeleza o pago das mensualidades atrasadas: uns 400 euros ao mes para garantiren a supervivencia.

Unha proposición non de lei demandándalle ao Goberno que prorrogue indefinidamente o Plan Prepara, dirixido a parad@s de longa duración e sen recursos. Davila lembrou que o día 15 remata a vixencia deste plan, e a tal hora non se sabe nada sobre a súa continuidade: hai oito días, Rajoy afirmou perante os medios non ter unha decisión tomada.

Con todo, a deputada sinala que a presión social comeza a facer efecto, e apunta ás campañas de varios grupos políticos e centrais sindicais como a razón de que "no día de onte responsábeis políticos do PP falasen da posibilidade da súa prórroga". Afirma que para o seu partido é "ineludíbel" manter a axuda dos 400 euros, e fala de 600.000 persoas afectadas por esta prestación, "o único ingreso económico que hai en núcleos familiares nos que xa non traballa ninguén".

O BNG critica os requisitos que se exixen para cobrar esta prestación: defenden a ampliación da idade de persoas suxeitas á posibilidade de cobrala, e tamén a ampliación da contía económica, "para acoller a máis persoas". Tamén insistirá en que o Goberno "recoñeza a cobertura sanitaria a todos os cidadáns e cidadás do Estado, estean de alta ou non na Seguridade Social", referíndose tanto á exclusión d@s inmigrantes en situación irregular como a das persoas "que nunca cotizaron ou que perderon a súa condición de cotizantes á Seguridade Social".

Lembrou os informes da ONU que critican as medidas do Goberno do PP e o empobrecemento da poboación que están a provocar: un 21,8% dela está no limiar da pobreza, dentro do que hai "unha parte moi importante con dificultades para sobreviviren". Salientou que 1,7 millóns de parad@s non cobran ningunha prestación por desemprego, e cualificou de "vergoñento" que o goberno acceda a tomar medidas que afectan a aquelas persoas que en peores condicións están para sobrevivir".

Falou do asalto a un supermercado para expropiar alimentos e repartilos, por parte do Sindicato Andaluz dos Traballadores, como unha acción que "o BNG non vai apoiar", pero si "recoñecer como un feito que ocorre pola gravísima situación que están vivindo moitísimas familias". "Para evitar este tipo de situacións, o goberno ten que actuar atendendo a esas familias en situación de precariedade, de desvantaxe social".

Comentarios