O BNG leva o caso Someso ao Tribunal de Contas ante a negativa de Negreira a facelo

O BNG resolveu levar o caso Someso -un escándalo urbanístico que envolve a Francisco Vázquez e ao presidente dos empresarios galegos- ao Tribunal de Contas.

O caso Someso irá finalmente ao Tribunal de Contas. Non por iniciativa do Concello da Coruña, que onte recusou facelo ao votar en contra dunha moción do BNG, senón porque será a formación nacionalista galega a que finalmente recorra a esta instancia xudicial.

Para o BNG, o Goberno Negreira está a amparar quer ao ex alcalde Francisco Vázquez quer a Antonio Fontenla Ramil e demais promotores inmobiliarios, principais beneficiarios desta desfeita urbanística.

Serio dano á Facenda municipal

O grupo municipal que lidera Xosé Manuel Carril xulga que o informe elaborado por dúas funcionarias do concello da Coruña pon de manifesto de forma incontrovertíbel que no caso Someso se ten producido un serio dano á Facenda municipal, constitutivo dun suposto de responsabilidade contábel (artigos 38 e seguintes da Lei Orgánica 2/1982 de 12 de Maio do Tribunal de Contas).

Para o BNG, Negreira ampara a Vázquez e a Fontenla, o xefe dos empresarios galegos

O Concello da Coruña alega, por súa parte, que xa deu traslado do contido do informe á Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

O caso Someso -a expropriación forzosa de solares para a construción dun campo de fútebol nuns terrenos que finalmente acolleron un centro comercial e vivendas- ten provocado perdas por valor de 50 millóns de euros ao erario público coruñés, en conceito de perdas patrimoniais e indemnizacións aos afectados. Todo aconteceu baixo a supervisión directa do ex alcalde e ex embaixador do Vaticano, Francisco Vázquez.

Comentarios