O BNG leva ao Congreso as lesións ao músico Roi Vázquez nunha acción policial

A deputada Rosana Pérez, do BNG, vén de reclamar que o Ministerio de Interior investigue a actuación da policía nacional en relación á fractura da man do músico Roi Vázquez.

O BNG vén de levar a fractura da man do músico Roi Vázquez nunha actuación policial en Compostela ao Congreso dos Deputados por medio dunha pregunta para a que se require resposta por escrito. Na iniciativa parlamentar, dáse conta do acontecido na noite do xoves 10 de xaneiro cando, segundo a súa declaración e a de testemuñas alí presentes, Roi Vázquez e os seus acompañantes foron parados na rúa pola policía municipal que lles pediu identificación, na noite na que na cidade se produciran altercados despois da concentración que reclamaba a liberdade do mozo independentista Hadrián Mosqueira Pazos, coñecido como Senlheiro.

Segundo o relato do músico, os policías sospeitaron que participara nos incidentes, ao que el respondeu que viña de tocar con Narf no pub Modus Vivendi diante de máis de cincuenta testemuños. A policía, ao seguir no relato, tentou inmobilizar o músico e fracturoulle tres falanxes dun dedo e provocoulle, segundo o diagnóstico médico, a perda dun 30% da mobilidade da man. A policía nacional asistiu aos acontecementos e, segundo Roi Vázquez, participou nos feitos, conducindo a unha das persoas que o acompañaban á comisaria.

Investigación de Interior

O BNG sinala na súa iniciativa que “esta actuación policial debe ser investigada por parte do Ministerio de Interior no que atinxe a policía nacional”.”Conculcáronse os dereitos dun cidadán, o que debe levar á demanda de responsabilidades por parte do Ministerio aos axentes implicados nos feitos” apunta a iniciativa presentada por Rosana Pérez.

Comentarios