De se aplicar a reforma fiscal do BNG, os ingresos da Xunta aumentarían en 140 millóns

Para o BNG, a proposta de orzamentos do PP para 2013 sacrifica a creación de emprego e por iso vén de apresentar emendas cruzadas co fin de que se destinen 600 millóns á criación de postos de traballo. Propón tamén que os orzamentos contemplen maiores impostos ás grandes superficies e ás fortunas.

 
Parlamento
photo_camera Parlamento

O grupo parlamentar do BNG vén de apresentar emendas á totalidade de devolución dos orzamentos xerais para o ano 2013 co obxectivo de que as contas da Xunta se encamiñen á creación de emprego. Na súa proposta contémplase que se destinen 630.570.260 euros á recuperación de emprego, alén do mantimento do poder adquisitivo das persoas que traballan no sector público. As emendas cruzadas apresentadas polo BNG diríxense a reforzar as políticas sociais, consonte á crise que o país está a padecer.

Pola contra, o grupo nacionalista indica o gasto corrente improductivo e a privatización de servizos públicos como os ámbitos onde se deben aplicar os recortes.

Máis impostos a quen máis ten

A respecto dos ingresos tributarios, o BNG propón a aplicación do imposto sobre grandes superficies comerciais, alén de modificar o de sucesións e patrimonio máis o IRPF a partir dos 100.000 euros. “Deben pagar máis quen máis ten”, sinalan na explicación das modificacións que suporían uns ingresos tributarios por valor de 140 millóns de euros.

Ao seu ver, os orzamentos presentados en comisión polo goberno da Xunta “sacrifican o emprego e as condicións de vida de todos os galegos e galegas a custa de manter no altar o déficit público”.

Comentarios