O BNG defende a produción galega de biodiésel

A situación de paralización ou baixa produción das plantas de biodiésel galegos vén de orixinar unha batería de iniciativas parlamentares do BNG que se debaterán hoxe mércores na comisión de Industria. 

O sector do biodiesel galego está nunha situación de paralización ou baixa produción, segundo o BNG, motivado por unha crise que se agudiza desde o ano 2010, complicada aínda mais co baile normativo que prexudica o desenvolvemento dun sector que pode contribuír á creación de emprego en comarcas como Ferrol. A imposibilidade de competir cos prezos no mercado diante da competencia de países que gravan a exportación de materias primas máis que a do biodiesel mais unha normativa equívoca que pon trabas á produción galega son, segundo a iniciativa que o BNG defendera no Parlamento, algunhas das razóns da situación de crise pola que atravesa o sector. 

A rebaixa da cantidade de biodiésel en diésel que pasou dun 7% a un 4,1%, mesmo aínda estando alonxado do 10% do obxectivo comunitario para enerxías renovábeis no transporte,  complica aínda máis a situación do sector. “Se as cotas non son aprobadas de inmediato as petroleiras terán cumprido as novas porcentaxes de biodiésel en diésel antes do segundo semestre de este ano debido as importacións que están facendo de outros países e os stocks almacenados” polo que se condena ao sector á parálise no ano 2013, apunta Carme Adán, que defenderá a iniciativa na comisión, na defensa dunhas plantas que poden ser referente de produción pola súa situación estratéxica e pola forte potencialidade económica que terían nunha comarca como Ferrolterra. 

O BNG reclama do goberno galego que incentive a investigación na obtención de biodiésel, en todos os ámbitos implicados, desde as propias empresas ata o sector da fabricación do automóbil ou o naval e que se dirixa á Madrid para esixir a eliminación de atrancos que están a paralizar o sector, entre eles, que desenvolva accións para situar no 7% a mezcla de biodiesel en diesel, para cumprir coa directiva europea. 

Comentarios