O BNG bota a andar unha campaña “contra o roubo” á cidadanía

O BNG iniciará a próxima semana unha campaña de mobilización social “contra as políticas de roubo perpetradas pola troika, a banca e o PP á cidadanía”. Trátase dunha das liñas de actuación aprobadas hoxe na xuntanza constituínte do novo Consello Nacional, que após a XIV Asemblea Nacional da formación frentista rexistou unha renovación superior ao 50% dos seus membros. Vence sinalou ao respeito: "Sen dúbida no BNG está o novo nacionalismo".

Consello Nacional do BNG
photo_camera Consello Nacional do BNG

Unha campaña “contra o roubo” que implique a organizacións sindicais e sociais vai ser un dos eixos de actuación do BNG nesta nova etapa tal e como explicou o seu portavoz nacional, Xavier Vence, no remate da primeira xuntanza do novo Consello Nacional. Nun momento de crise e de claro fracaso das políticas impostas pola UE e o Estado, o BNG ten claro que “para saír desta situación cómpre derrotar o PP, gañarlle a batalla social e das ideas que conducen ao país ao fracaso, erguer alternativas que eviten a situación de colapso á que nos aboca”, sinalou Vence. 

A campaña contra o roubo da troika, a banca especulativa e as política do PP botará a andar a semana próxima. Co ánimo de sumar forzas, diríxense “aos movementos sociais, sindicais e forzas políticas para gañar esta batalla”. 

A campaña diríxise “contra a banca que espolia a cidadanía e os pequenos aforradores e leva a economía productiva ao desastre e tamén contra o PP que responde só aos intereses da elite financieira”, esclareceu Vence. A crise de Pescanova serviulle para afondar na idea xa que, ao seu ver, responde a “unha suma de má xestión e inexistencia de instrumentos financieiros no país que están a abocar a moitas empresas á desaparición” .

Alén dixo, o BNG continuará coa súa campaña pola soberanía nacional, de modo a “renovar e revitalizar a conciencia nacional do país” e, tamén para iso, fan un chamamento ás organizacións e ao conxunto da cidadanía comprometida cos dereitos da Galiza. A terceira liña de actuación centrarase na defensa da democracia e a transparencia institucional e na denuncia “da inmoralidade instalada na Xunta” que concretizaron no escándalo do financiamento ilegal do PP e na “humillación” que supoñen as fotos do presidente Núñez Feijóo cun narcotraficante como Marcial Dorado. 

“Reivindicación do país, da democracia e dos sectores máis castigados pola cidadanía” foi como resumiiu Xavier Vence as liñas de actuación que irán vertebrar o discurso político do BNG nas próximas semanas.

Renovación xeracional histórica

A xuntanza constituínte do novo Consello Nacional supón o fin do proceso de renovación dos órganos do BNG despois da XIV Asemblea Nacional do 17 de Marzo. O máximo órgao do BNG entre asembleas renóvase na metade dos seus 106 membros. Xavier Vence destacou a remuda xeracional dun órgao que conta cunha media de idade de 41 anos, con trece persoas menores de 30 anos e trinta entre 30 e 40, é dicir, cun 40% de integrantes que non chega ás catro décadas. “Trátase dunha renovación xeracional sen precedentes na historia do nacionalismo, sen dúbida no BNG está o novo nacionalismo” apuntou. 

Comentarios