Así ve a caverna mediática española ao Apalpador: Un "borracho" e "sobador de niños gallegos" inventado polo nacionalismo

A caverna mediática española non permite nin a mínima recuperación de calquer sinal de identidade propia de Galiza. Nin sequer figuras relacionadas co Nadal, época de paz e tranquilidade como eles mesmos gostan de pregoar en consonancia coa súa profusión de catolicismo. Desde medios como Libertad Digital defínese o Apalpador como un invento "de los nacionalistas", que quere "robar la Navidad" tradicional e que, atentos, é "un sobador de niños". E, aliás, un borracho.
O Apalpador
photo_camera O Apalpador

O Apalpador é "un sobador de niños", unha figura "inventada por los nacionalistas", que leva boina "como el Olentzero vasco", que ten o nariz vermello "muestra de su gusto por las bebidas alcohólicas" e que quere "robar la Navidad" tradicional. Así de clariño o ten a dereita máis españolista, que nun dos seus xornais de cabeceira, Libertad Digital, vén de cargar contra este bo home que coa chegada do Nadal baixa das montañas do Courel para traer ledicia e agasallos ás crianzas do país.

"El Apalpador es aún más repugnante que el Olentzero vasco"

Nun artigo, firmado por Pedro Fernández Barbadillo, afírmase textualmente que o Apalpador " entra en el dormitorio de los niños y toquetea sus barriguitas con la excusa de comprobar si están bien alimentados por sus padres". O autor insiste en que O Apalpador é "un invento del nacionalismo" e mesmo unha "trampa nacionalista" na que, alerta, cae "un número creciente de ciudadanos e instituciones gallegas, hipnotizados por el paletismo de defender y tragarse "lo de la tierra".

Ese xornal compara o Apalpador cos intentos de " bolcheviques rusos, los nacionalsocialistas alemanes y los comunistas castristas" de acabar coa festa relixiosa do Nadal

Este xornalista fala dunha "campaña de manipulación" impulsada polos "separatistas gallegos" para publicitar o Apalpador, do que di que é "aún más repugnante que el Olentzero vasco". E compara a promoción do Apalpador cos intentos de " bolcheviques rusos, los nacionalsocialistas alemanes y los comunistas castristas" de acabar coa festa relixiosa do Nadal.

"Dependencia enfermiza de los separatistas gallegos"

Neste artigo, en que tamén se carga e insulta ao Olentzero, a figura do Nadal de Euskal Herria, sinálase que o Apalpador non é máis que produto da "dependencia enfermiza" dos "separatistas gallegos" dos abertzales vascos. 

Comentarios