O alcalde de Sarria disculpa as irregularidades na casa da Concelleira de Obras porque “total, por unhas obriñas...”

Máis de cen persoas asistiron ao pleno de Sarria no que se debatía a ausencia de actuación do concello diante das irregularidades detectadas na casa da propia Concelleira de Obras. “Total, por unhas obriñas” dixo o alcalde Xosé Antonio García López ao respecto da non paralización da súa execución.

O grupo de chalets que se están a construír en Sarria do que unha das súas propietarias e promotoras é a propia Concelleira de Obras, Patricia Casro Tejada incumpren a licencia concedida e o permiso solicitado mais, mesmo así, o goberno municipal non tomou ningunha medida para a súa paralización. Os tres grupos da oposición -PSOE, BNG e Independentes de Galiza-, coa denuncia da propia veciñanza, convocaron por esta razón un pleno ao que asistiron máis de cen persoas , para pedir explicación sobre o desleixo nas funcións do goberno municipal con respecto á ilegalidade da Concelleira de Obras. No pleno solicitábase, entre outras cousas, a demisión ou cese da Concelleira de Obras mais a maioría do PP pechou o debate sen tomar ningunha medida porque, segundo defendeu o alcalde, “son só unhas obriñas”, deixando á vista a impunidade da Concelleira de Obras á hora de cumprir a legalidade vixente.

Comentarios