"Nunca nun accidente ferroviario hai unha soa circunstancia"

"Non por ultrapasar a velocidade vas descarrilar. Nunca nun accidente hai unha soa circustancia", declarou Juan Jesús García Fraile, secretario xeral do sindicato de maquinistas.

Os primeiros indicios, e a liña informativa da imprensa afín ao Goberno do PP, apuntan a que a Administración tentará endosar toda a responsabilidade do sinistro aos maquinistas.

En contraste, o secretario xeral do Sindicato de Maquinistas (Semaf), Juan Jesús García Fraile, deixou sentadas dúas cousas. Primeira, que "rebasar" a velocidade non implica necesariamente descarrilar. E dúas, que "nunca nun accidente hai unha soa circunstancia" causal.

O Semaf está a pór a énfase en que o accidente se podería ter evitado no caso de que no tramo en que se produciu o sinistro estivese instalado o sistema de seguridade ERMTS, que si está operativo 4 quilómetros antes da chegada á estación.

Hai que ter en conta que o accidente se produciu nun tramo da vía que non é de nova construción, senón unha adaptación á liña AVE do antigo trazado.

"É un trazado antigo, de vía convencional, que non está preparado para que circule por el un tren de alta velocidade, sobre todo nunha curva tan fechada. O maquinista vese obrigado a frear de forma brusca cando vén dunha velocidade media de 250 quilómetros por hora e, en cuestión de segundos, debe pasar a 80", declarou García Fraile.

Comentarios