Nunca Máis: "O recurso do Estado é como a tinta de lura, quer tapar a falla de responsabilidades"

Xaquín Rubido, voceiro da plataforma Nunca Máis, coida que o recurso de casación que a Avogacía do Estado presentará perante o Supremo contra a sentenza da Audiencia Provincial "pretende salvar a cara do desamparo co que quedou  país" e "tapar a ausencia de responsabilidades políticas" na sentenza. 

Concentración de Nunca Máis [Imaxes: Nunca Máis]
photo_camera Concentración de Nunca Máis [Imaxes: Nunca Máis]

Desde a Plataforma Nunca Máis aseguran que a sentenza do Prestige "é inxusta" e xera "un sentimento complexo" que mestura "carraxe" e "indignación" mais tamén, din, o fallo xudicial puxo de novo "riba da mesa" a "xestión de goberno de Aznar e Fraga", unha xestión que consideran "incompetente" e "irresponsábel". 

Neste senso, un dos seus voceiros, Xaquín Rubido, explica, en conversa con Sermos Galiza, que o anunciado recurso de casación que está a preparar a Avogacía do Estado visa "salvar a cara" do executivo, "do señor dos hilillos" [en relación a Mariano Rajoy], e "tapar a ausencia de responsabilidades" políticas na decisión xudicial. Para Rubido, a personación do Goberno español perante o Supremo é "como a tinta de lura" e procura "tapar o problema". 

Unha acitude "hipócrita" e "contraditoria"
E é que o exectivo español e o presidente da Xunta aseguraron, após coñecerse a sentenza, que estaban "decepcionados" pola decisión da Audiencia provincial da Coruña ao non se recoller responsabilidade civil algunha que envolvese indemnizacións polos danos causados.

Xaquín Rubido:"A Xunta e o goberno español puxeron todas as pedras no camiño para que se dera esta sentenza"

Neste senso, Alberto Núñez Feijóo xa avanzou que estudan a posibilidade de recorrer mais só na procura de responsabilidades civís que envolvan unha posíbel achega económica que compense o diñeiro investido na limpeza da costa. En ningún caso, consideran que a sentenza sexa inxusta por eximir de toda responsabilidade ás autoridades políticas dos gobernos español e galego. 

Así, desde a Plataforma Nunca Máis coidan que a actitude de Feijóo "é contraditoia" e "hipócrita" pois, lembra Xaquín Rubido, "foi a Fiscalía a que desimputou á clasificadora ABS" durante o proceso xudicial. Algo que rexeitaban de maneira taxativa desde Nunca Máis. "Que agora se laie de que non hai cartos", insiste Xaquín Rubido" é unha "hipocrisía" pois, denuncia, foron os gobernos central e galego os que "puxeron todas as pedras no camiño" para que "se dera esta sentenza".

 Valoran novas mobilizacións face a impunidade da sentenza

A indignación popular face a impunidade coa que ficou absolto o único cargo político que sentou no banco dos acusados está a estenderse día a día. Destarte, desde Nunca Máis valoran "moi positivamente" a masiva resposta cidadá que encheu as vilas e cidades galegas "de dignidade" após máis dunha década da catástrofe, salienta Rubido. "Foi unha convocatoria urxente e sen medios" que así e todo deitou bos resultados e sacou á rúa a milleiros de persoas "porque existe un sentimento de indignación e carraxe", apunta.  

"Valoramos que o pobo volva á rúa defendendo a súa dignidade fronte o poder do Estado", afirma e avanza que a plataforma valorará un novo calendario de mobilizacións ou mesmo "outras accións". Para iso, a xestora de Nunca Máis reunirase en Compostela esta terza feira (19 de novembro) á fin de determinar que medidas adoptarán. Tamén así, analisarán se presentarán recurso de casación ou non após "abrir un debate" interno ao respeito no que "valorar todos os aspectos" dunha sentenza moi complexa. 

No entanto, algunhas das partes personadas no xuízo como as confrarías de pescadores da Galiza, Asturies e Cantabria, xa avanzaron que non o presentarán pois, din, é moi probábel que a máxima instancia non deite unha opinión moi distinta á amosada pola Audiencia da Coruña. 

Comentarios