Nunca Máis pide cinco anos de cárcere para López Sors por responsabilidade no Prestige

O xuízo polo desastre acontecido hai dez anos chega ás cualificacións definitivas das partes. A Fiscalía insiste en solicitar doce anos de prisión para Mangouras.

Nunca Máis Prestige
photo_camera Nunca Máis Prestige

Unha pena de cinco anos de cárcere e un día é o que solicitan os avogados da plataforma Nunca Máis para o único imputado político pola traxedia do Prestige, o ex director xeral de Mariña Mercante, José Luis López Sors, ao que acusan dun delito “contra os recursos naturais e o medio ambiente”. Pola súa parte, a Fiscalía mantivo a súa petición de 12 anos de prisión para o capitán do petroleiro, Apostolos Mangouras, como autor dun delito contra o medio ambiente e outro de danos en espazo natural protexido, segundo quedou claro na lectura das cualificacións definitivas no xuízo pola catástrofe, xa na súa recta final. A Fiscalía tamén estimou os danos ocasionados ao estado español en 4.328 millóns de euros, deles 2.433 millóns en Galiza. 

"A Fiscalía mantivo a súa petición de 12 anos de prisión para o capitán do petroleiro, Apostolos Mangouras"

Na última sesión celebrada, os letrados de Nunca Máis achegaron como proba as conversacións entre o xefe do Centro de Coordinación Estatal de Salvamento, Pedro Sánchez, e López-Sors, quen aposta por “coller” o barco e levalo “para fóra, cara alta mar”. “Todos os medios de loita contra a contaminación, a Galiza”, engade tamén o daquela responsábel da Mariña Mercante durante ese diálogo. “E non se me ocorre máis nada que rezar”, engade Soros, que insiste en afastar o buque “até que afunda”, o que se desvelou como unha nefasta decisión.  

Comentarios