Nova York concede un novo premio internacional ao modelo urbano de Pontevedra

O modelo urbano de Pontevedra recibe un novo premio internacional, desta volta, desde Nova York. O 11 de maio a excelencia urbanística da cidade será recoñecida co premio entregado polo Centro para o Deseño Activo, creado polo ex-alcalde da cidade, Michael Bloomberg. 

Mosquera, Lores e da Silva.
photo_camera Mosquera, Lores e da Silva.

En Pontevedra reparou o Centro para o para o Deseño Activo (Center For Active Design) polo seu modelo urbanístico que potencia a calidade de vida e os hábitos saudábeis da súa cidadanía. Na ONG creada polo ex-alcalde de Nova York, Michael Bloomberg, participan institucións públicas e privadas, entre as que se atopan organismos de saúde pública e urbanismo da propia cidade americana ou universidades estadounidenses ademais de colectivos profesionais, entre outros, de arquitectura. 

Pola saúde e calidade de vida da veciñanza

Os premios que a entidade neoiorquina outorga recoñecen, de maneira especial, o esforzo de proxectos urbanísticos de todo o mundo para incrementar a actividade física da veciñanza a través de catro eixos fundamentais como son o transporte, o ocio activo, os espazos públicos e a alimentación. Pontevedra recibe o recoñecemento con outros cinco premiados, despois de que un xurado composto por especialistas valorase a excelencia da cidade neses catro ámbitos de actuación. Porén, a cidade galega é a única das premiadas que recibe o recoñecemento pola súa actuación integral, polo seu modelo global urbanístico que experimentou un relevante cambio na cidade e nos hábitos de vida dos seus habitantes. 

O Center for Active Design distingue proxectos urbanísticos que melloren os hábitos saudábeis da cidadanía

Apenas dous meses despois de ter recollido o premio Hábitat da ONU en Dubai, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores voltou a destacar que se trata dun recoñecemento para todos e todas as veciñas da cidade, sendo que, segundo sinalou, sen a colaboración e a participación colectiva o modelo urbano agora valorado internacionalmente non sería posíbel. En conferencia de imprensa, Lores, que compareceu canda o concelleiro Cesáreo Mosquera e a concelleira Carme da Silva, puxo en destaque a relevancia do galardón canto á proxección internacional da cidade e o importante aval que supón para o modelo urbanístico desde unha entidade de prestixio como é o Centro para o para o Deseño Activo de Nova York.

Comentarios