Novo exame para Feijóo

Feijóo submétese hoxe a un novo exame. Será ante a imprensa (12 h), após o Consello da Xunta. Na súa comparecencia foi incapaz de soterrar o seu caso, o caso da súa historia de amizade durante varios anos co narcotraficante Marcial Dorado.

Alberto Núñez Feijóo
photo_camera Alberto Núñez Feijóo

"Cando eu vin a Dorado non estaba nin condenado nin na cadea", dixo literalmente Feijóo no Parlamento galego, após acusar o bipartito de contratar con empresas do narcotraficante logo de este ter sido achado culpábel nos tribunais. O que non explicou Feijóo é como o número dous da consellaría de Sanidade podía ter relación cunha persoa que atentaba contra a saúde dos cidadáns e que, no momento das súas fotos co agora presidente da Xunta, xa fora detido no cuadro da Operación Nécora que dirixira o xuíz Garzón.

Feijóo terá de enfrentar hoxe unha nova proba á súa capacidade para manter unha versión coherente dos feitos [até agora, debido á súa sobre-exposición mediática, ten fracasado claramente no empeño].

Na conferencia de imprensa estará, por suposto, Sermos Galiza. Está por ver que os responsábeis de comunicación nos permitan realizar perguntas ao presidente da Xunta. Porén, estaredes informad@s de todo en tempo real.

Tentaremos inquirir sobre as perguntas que Feijóo teima en non contestar (e que, de facto, onte deixou sen réplica embora ter investido 2 horas na súa comparecencia). A saber: que razóns achou para amagar con demitir en 2003 e por que non as acha agora? quen pagaba as viaxes con Dorado? cando realmente cortaron a súa relación?

E unha máis: está en condicións de garantir que durante os anos que mantivo unha estreita relación de amizade con Dorado o departamento de Sanidade da Xunta de Galiza non contratou con empresas controladas polo narcotraficante?

Comentarios