Novas da Galiza atribúe ao baltarismo a filtración das imaxes de Feijóo co narco Dorado

Segundo Novas da Galiza, tamén existen fotografías comprometedoras de Mariano Rajoy.

Novas da Galiza
photo_camera Novas da Galiza

As especulacións sobre a orixe da filtración das imaxes de Feijóo co narco Dorado estar no propio PP disparáronse desde o mesmo momento en que as fotografías viron a luz pública, nas páxinas de El País. Agora, Novas da Galiza atribúe ao baltarismo a filtración das instantáneas. E a cousa non fica aí: o sector crítico con Feijóo posuiría tamén fotografías comprometedoras de Rajoy na compaña de persoas vinculadas ao tráfico de tabaco.

As fotografías de Feijóo co narco Dorado son unha arma de groso calibre na guerra interna que abala o PP. De acordo coa información que manexa Novas da Galiza, estariamos ante un mísil que o baltarismo guinda contra Feijóo, a quen se vincula co Opus Dei vía o seu padriño político de toda a vida, Romay Beccaría.

En círculos xornalísticos madrileños tense tamén barallado a hipótese de a filtración ter sido feita quer polas contornas de Esperanza Aguirre quer polas de María Dolores de Cospedal.

Novas de Galiza nomea Xesús Palmou, ex conselleiro de Xustiza, como o artífice do aparecimento en público das imaxes.

Tamén outorga protagonismo na trama filtradora ao xuíz Taín e lembremos nese sentido que o maxistrado deixou en mal lugar a Feijóo cando revelou que este mantivera a relación con Dorado a unha altura tan serodia como o período 2001-2003 (en contradición co afirmado en primeira instancia polo presidente da Xunta, quen categoricamente afirmara que rachara todo contato co narco en 1998).

Feijóo desbotou en todo momento a compañeiros do seu partido como orixe da filtración (tampouco podía facer outra cousa) e esforzouse desde o principio en que as sospeitas se dirixisen cara a Pachi Vázquez, o autor da frase "Feijóo e o narcotráfico están aí, aí".

Comentarios