Nova xanela do IGADI para ver o mundo desde nós

O Instituto Galego de análise e Documentación Internacional (IGADI) abre unha porta ao mundo a través da súa nova páxina web na que inclúe, entre outros materiais, case catrocentos artigos de análise e opinión que nos achegan ao mundo desde nós.

O IGADI ven de presentar a súa nova páxina web que ten como obxectivo a difusión do seu traballo de análise e reflexión sobre a situación da sociedade internacional así como situar a Galiza nese contexto mundial. A nova web ofrece as seccións nas que o IGADI traballa, en especial a de Análise e Opinión, os Programas de Investigación, ou a Axenda e Noticias. Recolle tamén as publciacións do Instituto, cabeceiras como Tempo Exterior, IGADI Paper, IGADI Annual Report, IGADI WW Nós no Mundo, Informe mundial de Estados de Feito, Boletíns de ARREDALIA, Memoria de Actividades ou o Informe Anual do Observatorio da Política China ademais de libros ou e-books. Só de artigos de análise e opinión, a web incorpora polo de agora 368.

A nova ferramenta de comunicación do IGADI inclúe videoteca e arquivos de audio e fotografía ademais de estar conectada de xeito dinámico coas redes sociais e facilitar o acceso ás web do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, da Fundación Plácido Castro e do Observatorio da Política China.

Ao tempo, o Instituto ven de publicar o número 87 da súa cabeceira IGADI Paper que presenta como tema “AS Malvinas: soberanía e petróleo”, coa análsie sobre as relacións de Arxentina e Gran Bretaña e a soberanía das Illas.

Comentarios