A Nosa Enerxía: a outra forma de acender unha luz

A enerxía pode tamén ser nosa e ese é o obxectivo da primeira cooperativa creada na Galiza que participa este sábado na xornada “Por unha tarifa eléctrica galega”, organizada polo BNG en Compostela. Arredor de cen socios e socias partillan de A Nosa Enerxía que fará o vindeiro 23 de febreiro o primeiro ano desde a súa fundación. 

Membros da Nosa Enerxía na súa fundación
photo_camera Membros da Nosa Enerxía na súa fundación

Ás 10 horas deste sábado comeza en Compostela a xornada “Por unha tarifa eléctrica galega”, organizada polo BNG, na que participa a primeira cooperativa galega de enerxía galega A Nosa Enerxía. O presidente do Consello Reitor, Pablo Álvarez aproveitará para convidar a que máis persoas se integren nesta cooperativa de enerxía renovábel que ten na democracia e a soberanía enerxética un dos seus eixos de actuación. 

Unha das bazas, segundo Pablo Álvarez, para que máis persoas se sumen ao proxecto é o pouco custo que supón entrar a formar parte de A Nosa Enerxía para os moitos beneficios que proporciona. A aportación é de 100 euros que se recuperarían se a persoa cooperativista decide darse de baixa. “Se poñemos en comparanza cos servizos que proporcionamos é moi ventaxosa”, defende de saída Pablo Álvarez antes de debullar polo miúdo un proxecto que se formalizou o pasado 23 de febreiro para se conformar na primeira cooperativa de enerxía creada no noso país que conta xa con 98 cooperativistas. “Aforrar na luz, apoiar un proxecto que vai mellorar a calidade de vida, directa ou indirectamente, ser copropietario dunha empresa enerxética son algúns dos beneficios”, explica.

A primeira cooperativa de enerxía creada no noso país que conta xa con 98 cooperativistas 

“A nosa enerxía é unha cooperativa de usuarios e consumidores sen ánimo de lucro que nace como un proxecto integral. Somos comercializadores de enerxía renovábel, queremos ser tamén xeradores, que a xente poida ser copropietaria da súa propia compañía enerxética, e seguimos tamén os criterios da economía social”, explica Pablo Álvarez dun ambicioso proxecto que botou a andar hai un ano e se abre en distintas ponlas e nun sinfín de proxectos, desde promover o uso do coche eléctrico ate conseguir a remunicipalización da enerxía para o que están en contacto con distintos concellos. 

Da man das comunidades de montes

As comunidades de montes -coas que desenvolven proxectos en común, en especial relacionados coa protección da natureza- e as vellas fábricas da luz teñen elementos que agora se desenvolven a través de A Nosa Enerxía. “A idea é promover a soberanía e a democracia, como as comunidades de montes. Cantos máis sexamos, mellor. Queremos crear empoderamento social e novos proxectos relacionados coa enerxía”, adianta Pablo Álvarez e na conversa non tardan en aparecer novas liñas de actuación que se irán abrindo conforme a cooperativa se consolide e amplíe a súa base social. 

A cooperativa botou a andar xa a liña de comercialización, a través da parcería cunha cooperativa vasca, e contan, adaptándose ás limitacións impostas pola lexislación vixente, desenvolver a área de xeración enerxética no marco de proxectos de producción renovábeis, dando tamén a posibilidade de instalación de placas eléctricas a través da propia cooperativa. “Os socios e as socias terán soberanía e voz na comercialización e tentaremos producir tamén a enerxía que se consome. O que queremos é dar empoderamento social e unha nova oportunidade tamén ao país no sentido de sumarse ao que é unha revolución enerxética”, di o presidente de A Nosa Enerxía que contribuirá tamén a outros ámbitos de actuación como a creación de emprego ou a promoción de proxectos medioambientais e de apoio a colectivos sociais desprotexidos. 

Nese proceso participativo e asembleario no que a toma de decisión parte do propio colectivo de cooperativistas comezan en breve a promover obradoiros participativos nos que socios e socias debaterán o tipo de tarifa ou contrato, a maneira de responder diante da pobreza enerxética ou a decisión de consumir enerxía xerada no propio país. Desde A Nosa Enerxía consideran que son moitas as decisións que se toman cada vez que se acende o interruptor que ilumina unha vivenda. 

Tarifa galega e pobreza enerxética 

Dous dos temas centrais da xornada organizada polo BNG na que a cooperativa participa serán a tarifa eléctrica galea e a pobreza enerxética. Sobre ambos asuntos, A Nosa Enerxía ten unha clara posición tomada. “Sacrificamos o país para producir enerxía e non ten sentido que, por riba, esteamos a pagala máis cara e sigamos a estar sometidos a senrazóns como é a pretensión de poñer tendidos eléctricos nun espazo natural como Catasós en Lalín. Xeramos electricidade, mais non somos nós quen nos beneficiamos”, explica Pablo Álvarez. “A respecto da nosa tarifa, serán os propios socios os que a marquen. En relación á pobreza enerxética, desde A Nosa Enerxía mostrámonos en contra de que se corte o subministro a aquelas persoas que non teña recursos”, defende ao tempo que remite ao seu portal web para contactar coa cooperativa e continuar a sumar nov@s soci@s ao proxecto. 

Comentarios