Non só houbo paisaxes nevadas: Feijóo tamén viaxou co narco Dorado a Cascais e Ibiza

Feijóo lembrabase que había neve, mas non se aquilo era Andorra ou os Picos de Europa. Sempre falou dunha soa viaxe. Porén, hai máis.

O presidente do goberno galego viaxou co narcotraficante a Cascais -onde este organizaba fastuosas festas de fin de ano- e a Ibiza -onde se fotografou a bordo do iate Oratus, fondeado permanentemente na illa e que foi intervido en 2009 na operación de branqueo de cartos que acabou con Dorado en prisión. Todo isto revélao hoxe El País.

A má memoria de Feijóo -non lembraba se viaxara a Andorra ou aos Picos de Europa, si se lembraba de que había neve- fixo que o presidente da Xunta de Galiza omitise na súa primeira versión dos feitos excursións a Andorra e Ibiza, sempre na compaña do narcotraficante.

Non só eran unhas fotos. Había máis. Non só no iate en augas galegas, tamén no iate Oratus en augas do Mediterráneo. Así o revela hoxe El País. En conversas co rotativo madrileño, Feijóo admite agora a existencia desas viaxes. O Oratus foi intervido por Alfándegas en 2009 no marco da operación contra o branqueo de diñeiro que resultou no encarceramento de Marcial Dorado por un delito de narcotráfico.

Na conferencia de imprensa que ofereceu esta quinta feira após o Consello da Xunta, Feijóo tampouco aproveitou a oportunidade de esclarecer cando tivo realmente o seu último contacto con Dorado.

O avogado do narcotraficante, José A. Tuero, saíu ao resgate do presidente ao cualificar de "absolutamente falso" os contactos telefónicos que terían mantido Feijóo e Dorado entre 2001 e 2003, chamadas que foron rexistadas no curso das investigacións dirixidas polo xuíz Taín e cuxa existencia admitiu Feijóo.

Tuero desminte así a existencia de contactos telefónicos que, en troca, Feijóo si admite ter mantido.

Comentarios