No número 90 do Sermos Galiza: Suárez e o mito da transición

Esta semana levamos á capa do semanario o mito da transición recuperado polo españolismo con motivo do pasamento de Adolfo Suárez. No tema da semana, a enchufada contorna de Mariano Rajoy, o pulso a a Navantia e nas páxinas interiores, novas seccións. Podes mercalo xa na nosa loxa. 

Capa_SG90

A morte do ex-presidente español, Adolfo Suárez, serviu aos poderes fácticos para recuperar o discurso da "unidade de España", o mito desa transición que serviu para lavar a faciana do réxime franquista (re)instaurando a monarquía e unha Constitución que negaba as aspiracións das nacións sen Estado que, coma a galega, defendían o seu dereito a existir como suxeitos de pleno dereito. 

Aproveitando a ocasión do pasamento de Suárez, as elites políticas, mediáticas e financeiras do Estado quixeron desempoar o manido "espírito" de 1978. No número 90 do Sermos Galiza falamos do panexírico interesado de Suárez mais tamén do aproveitamento que da súa figura fixo o juancarlismo e o Goberno español. 

Camiño de Europa

Sen saír das páxinas de política achegámonos aos últimos movementos no camiño cara ás europeas. As organizacións políticas preparan todo para comezar a pre-campaña após deseñaren as súas candidaturas e política de alianzas.

O BNG presentou xa a súa listaxe, coa ex-eurodeputada Ana Miranda á cabeza e preséntase como "a antítese da UE". En troca, @s de Beiras elixirán as dúas persoas que tomarán parte na candidatura de Izquierda Unida este domingo. A priori, a ex-secretaria xeral do SLG, Lidia Senra, parte como favorita apoiada polo sector maioritario da formación. 

O cerco volve ao mar

Na sección de Galiza conversamos con Andrés García, patrón maior de Sada, após a frota do cerco volver faenar esta segunda feira. García advirte que presentarán recurso xudicial ao reparto de cotas deseñado por Bruxelas co visto e prace de Madrid e a conselleira do Mar. 

No tema da semana, a enchufada contorna de Mariano Rajoy

Como tema da semana revisamos a "enchufada contorna" de Mariano Rajoy, unha reportaxe que desvela @s moit@s representantes da elite próxima a Rajoy que obtivo cargos públicos desde que o de Pontevedra é presidente. 

En Comarcas achegámonos até Cedeira e Sarria da man de dous movementos veciñais que loitan en defensa do patrimonio natural galego. Unha batalla que tamén dan @s operari@s da industria auxiliar de Navantia mais, desta volta, a prol dos seus postos de traballo. 

Nas páxinas de internacional focamos a ollada na decisión emitida polo Tribunal Constitucional a respeito da Declaración de soberanía do Parlament de Catalunya e coa axuda Pilar Fernández repasamos o ascenso do apoio á independencia en Escocia. 

Estreamos sección con 'Mesa e Mantel'

Na sección de Cultura falamos do aniversario de Carvalho Calero, dos Faros da costa Ártabra, estreamos a páxina 'Mesa e Mantel' e imos ao teatro coas crianzas e Gatuxo. 

Todos estes contidos e moitos máis, coma sempre, cada semana nos quiosques e librarías do país. Tamén, desde xa, na nosa loxa. 

Comentarios