No nº74 do Sermos, o negocio a costa dos hospitais públicos

Máis un novo número do Sermos Galiza, o 74, falamos do negocio que o capital atopa nos hospitais privados e dos pasos de Nunca Máis tras a sentenza da impunidade. Entrevistamos ao historiador López Carreira e ao líder de Compromiso, Xoán Bascuas, e debullamos os 95 anos de nacionalismo da man de GpS. Xa á venda na nosa loxa.

Capa_SG74

Un novo semanario do Sermos Galiza na rúa, o número 74. Con diferentes reportaxes, novas, entrevistas e análises. O tema principal centrámolo nos hospitais públicos como novo negocio. Feijóo afirma que na Galiza están a se construír 5 hospitais. E iso así? Quen os financia e para que? Estas, e outras, preguntas poñémolas no papel e tentamos darlle resposta.

Tamén debullamos o rexurdir de Nunca Máis, un renacer obrigado pola sentenza da impunidade sobre o Prestige. Unha década despois da catástrofe, centos de milleiros de galeg@s volven facer súas as demandas e reivindicacións da plataforma.

Galiza de seu

Galiza pola Soberanía (GpS) reuniu a centos de persoas en Lugo para conmemorar o 95 aniversario da I Asemblea Nacionalista. A defensa dunha Galiza de seu segue a alumear, case un século despois, concretándose na reivindicación dun estado propio.

A maré vermella está a poñer contra as cordas o sector mexilloeiro galego, máis de 11.500 empregos directos, mentres a administración non é quen de dar resposta. E o naval estoupa en Ferrol, farto de mentiras e incumprimentos. Tamén neste número escribimos da folga de Albada (108 días) e como finalizou co triunfo dos traballadores.

Viño, historia, política

As entrevistas non poden faltar en Sermos e neste número ofrecémosvos unha boa fornada delas. Entrevistamos a Martiño e Xosé, impulsores do proxecto etnocultural en torno ao viño 'Vide Vide'. Con sede en Compostela mais cos acios estendidos por todo o país.

Co historiador Anselmo López Carreira debatemos sobre a(s) historia(s). “Urxe facer unha historia na que Galiza sexa protagonista”. Unha demanda que mantén en pé no seu libro 'Historia de Galicia' (Xerais).

E falamos con Xoán Bascuas, de Compromiso por Galicia (CxG), co que falamos de eleccións europeas, nacionalismo, política local ou como se achegar á cidadanía.

E, máis unha entrevista: a Pablo Fraga, coordinador do Proxecto Soutos, que nos fala do que popularmente se chamaba o 'pan dos pobres', a castaña.

E moito máis

Mais nas nosas áxinas atoparás moito máis: China, Portugal, coñecer A Toxa da man de Viaxes na Miña Terra, navegar nun libro que serve de encontro galego-xaponés... E, non faltan (non podería ser doutra forma) as críticas literaria, teatral e musical, opinións...


 

Comentarios