No nº64 do Sermos Galiza sacamos o soberanismo á rúa

A manifestación convocada polo BNG o vindeiro día 15 e a cadea humana pola independencia de Catalunya no número 64

 

Máis un semanario nos quiosques e librarías do país desta volta coa soberanía como tema de portada. Coa manifestación do vindeiro 15 de setembro como albo, o BNG prepárase para encher as rúas da capital galega baixo o lema 'Por unha Galiza soberana'. Co portavoz nacional da organización frontista, Xavier Vence, conversamos sobre as razóns que levan ao Bloque a se manifestar. Mais tamén, debullamos o 'caso Bárcenas' e a crise institucional do Estado español que para o voceiro nacionalista reflicte a quebra do "modelo creado na Transición".

Nas páxinas de Internacional, achegámonos até Catalunya con motivo da Diada. Neste 11 de setembro máis dun millón de catalás clamaron pola independencia na Vía Catalana. Unha cadea humana uniu de norte a sur un país que demanda o dereito democrático a se autodeterminar. 

Nas páxinas de Economía botamos a ollada ao número de persoas que perde cada hora a Seguridade Social no noso país. Tres. Con sindicatos e académicos explicamos as razóns que desmontan o discurso triunfalista do PP a respeito do descenso das taxas de desemprego. 

Após a inauguración da Casa Museo de Manuel María dedicamos unha extensa reportaxe nas páxinas de Cultura ao acto decorrido o pasado sábado na Casa de Hortas (Outeiro de Rei) no que artistas e intelectuais lembraron e honraron a memoria do poeta nacional. Coma cada semana en Andar a Terra visitamos un recuncho do país, desta volta levámosvos a Anceu (Ponte Caldelas). 

Todos estes contidos e moitos máis coma cada semana nos quiosques e librarías do país. Tamén na nosa loxa

Comentarios