No nº48 analizamos a guerra aberta no españolismo de dereitas

Aliás, lemos en alto a esquela que en Madrid escriben para o noso tren, falamos coas familias dos seis cidadáns galegos presos, estudamos o futuro do Porto Exterior da Coruña, viaxamos ao Anxo Carro para coñecer as últimas novidades do CD Lugo e asistimos ao primeiro campionato de improvisación teatral que se fixo na Galiza.


Metámoslle o dente ao novo semanario que desde esta sexta feira, 24 de maio, podedes atopar nos quiosques, nos puntos de venda habituais e na nosa loxa! Camiño dos 50, imos polo nº48.

Unha foto dun apertón de mans entre Rajoy e Aznar convida a colocar o casco de guerra para viaxar até Génova e analizarmos desde alí a radicalización que o ex presidente do Goberno español e a liña dura de FAES queren imprimirlle ao españolismo de dereitas e ás políticas do PP.

No tema das primeiras páxinas subimos ao noso tren, que vai camiño de non nos levar a ningunha parte: en Madrid redactan a súa esquela. Falamos coas voces críticas que defenden o camiño de ferro como un gran proxecto de transporte público e sustentábel que vertebre o País. 

Das páxinas de Opinión queremos destacar neste número o artigo que nos escribiu Arturo de Nieves, co-autor, canda a Carlos Taibo, do libro Galego, português, galego-português, que esta semana foi presentado na Galiza. Percorremos os quilómetros que separan o País dos cárceres españois onde manteñen presos, submetidos á dispersión e sen seren xulgados seis cidadáns galegos, militantes independentistas: son fillos, irmáns, netos, amigos... e para o Estado español son presos FIES. Conversamos coas súas familias sobre a asociación que axiña botará a andar, 'Que voltem para a casa', máis un instrumento de denuncia dalgunhas das vulneracións de dereitos que repasan canda nós. 

As dúbidas sobre o translado de Repsol, a marcha atrás sobre o investimento chinés, o alto sobrecuste e as propias eivas deitan dúbidas sobre o futuro do Porto Exterior da Coruña, a obra nacida dunha operación de Paco Vázquez e o PP de Aznar que custou cinco vidas doutros tantos traballadores. Contámosche as sombras destas obras

O 30 de Maio hai greve xeral en Euskadi. A secretaria xeral de LAB, Ainhoa Etxaide, analiza para nós nunha entrevista non só os motivos desta convocatoria senón tamén a situación social e laboral que vive o país. E sen sairmos do eido do sindicalismo combativo, a CIG realiza esta fin de semana o seu VI Congreso en que Xesús Seixo será reelixido secretario xeral. Contámosche as chaves dun encontro en que 682 congresistas definirán a folla de rota que a central nacionalista seguirá os vindeiros catro anos. 

Na páxina de Deportes visitamos o Anxo Carro, estadio dun clube que está a piques de rematar a reconversión en Sociedade Anónima Deportiva: o CD Lugo vén de conseguir que Deputación e Concello asuman o 50% das accións namentres desde o BNG alertan do perigo doutro caso como o do Breogán. E asistimos ao primeiro campionato de improvisación teatral que se fixo na Galiza! Na sección de Cultura entrevistamos o escritor José António Souto Cabo, profesor da facultade de Filoloxía da USC e autor do libro Os cavaleiros que fizeram as cantigas

A procura do Crânio de Castelao segue o seu curso e neste número incluímos o oitavo capítulo, escrito polo autor portugués Possidónio Cachapa. Após uns intres de leitura, seguimos viaxando: de Cedeira a Cariño e Ortegal psando por Santo André de Teixido é a rota que nos propoñen desta volta o Colectivo XEA na sección Viaxes na miña terra. A candidatura do baile galego a patrimonio da Unesco, o caderno de vacacións para crianzas Bababum, crítica literaria e cinematográfica e unha conversa co fotógrafo Tono Arias completan a oferta de contidos desta semana. Que a gocedes! 

Comentarios