No nº45 entramos até a cociña das deputacións, as outras Cidades da Cultura do PP

A corrupción na Costa da Morte, novas iniciativas para tecer redes na internet, Venezuela, o caso Someso, o esmorecemento do CGAC no seu 20 aniversario, o encontro de rugby que enfrontará Galiza e Euskadi, un trivial feminista e un proxecto de educación social que se chama Mimadriña. Mimadriña como vén este semanario do Sermos Galiza! Vas perdelo? E agora tamén o podes mercar na nosa loxa


Cunha análise en profundidade do gasto que supoñen as deputacións galegas encetamos un novo número do semanario en papel de Sermos Galiza, e van xa 45! Fillas do centralismo decimonónico, as deputacións perviven na Galiza sen vontade nin de se renovar nin de desaparecer. A investimentos reais destinaron menos do 18% do seu orzamento. Queres saber máis datos? A dupla páxina do Tema da semana está chea deles.

Contámosche o que Feijóo calou da súa viaxe a México: deixar o control do maior estaleiro da Ría de Vigo, Barreras, en mans da petroleira Pemex; e presentámosche dúas iniciativas que se están a desenvolver na rede: unha é un blogue de economía que fala do País e fala en galego, a outra é un observatorio feminista que se ocupa da saúde sexual e reprodutiva das mulleres. 

Viaxamos até a Costa da Morte para coñecer de primeira man que é o que non deixa durmir á veciñanza: a Operación Orquestra ou a fraude nas axudas forestais que se saldou a semana pasada con quince imputacións após dous anos de denuncias son algunhas das cousiñas que atopamos. Pero hai máis! O caso Someso podería levar a xuízo o ex-alcalde da Coruña, Francisco Vázquez; e sabías que @s galeg@s temos paixón por partillar imaxes nas redes sociais? Pois si! Tamén che contamos isto. 

Entrevistamos Rita Martufi, doutora en economía pola Universidade de Roma 'La Sapienza' e con fonda vinculación á Unión Sindical de Base, unha central alternativa á tradicional Confederación Xeral Italiana do Traballo (CGIL). Seguimos no estranxeiro, desta volta en Venezuela, onde analizamos canda a xornalista galega María Rúa, que arestora vive no país bolivariano: "Neste momento, aparentemente a cidadanía parece estar tranquila, mais todo soa a ruido negro". Non tes ganas de coñecer de primeira man a realidade venezolana? 

En Desportos mergullámonos no Galiza-Euskadi de rugby. As seleccións galegas senior masculino e Seven feminino xogarán contra as de Euskadi o vindeiro sábado 11 de maio (Estadio Gregorio Pérez Rivera de Lugo, Pistas Universitarias de 'Ás Pedreiras'). Contámoscho case todo nesta previa. Chegamos á sección de Cultura, que dedica a súa páxina de apertura ao 20 aniversario do CGAC e ao seu esmorecemento: o Centro sobrevive coa metade do orzamento, abafado pola Cidade da Cultura. 

Máis un episodio na procura do Crânio de Castelao e un paseo polo Pozo da Ferida nas 'Viaxes da Miña Terra' antes de chegarmos ao Okapi, que desta volta xoga ao trivial feminista do Observatorio da Mariña pola Igualdade. O Retruke 2013 que achega o circo a Noia, a páxina de Moda que nunca falta, a loita da nosa literatura por se internacionalizar, crítica de libros, de música... un semanario completo que remata cunha entrevista a Palmira Castro, impulsora dun proxecto que se chama Mimadriña! Con ese nome ten que ser algo sorprendente... vas perdelo? Desde esta sexta feira darán connosco no teu punto de venda habitual.

Comentarios