Nin un paso atrás nos dereitos das mulleres, manifestación polo aborto libre en Compostela

Ás 17 h, este domingo, desde a estación dos camiños de ferro de Compostela. Esa é á cita á que convida a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, composta por máis de cincuenta entidades. Contra a contrarreforma de Gallardón e polos dereitos das mulleres a decidiren sobre os seus corpos. 

Manifetación de Vigo
photo_camera Manifetación de Vigo

Organizacións e colectivos non están dispostas a que a reforma da Lei do aborto prevista por Gallardón retroceda nos dereitos acadados polo feminismo en décadas de loita.  A manifestación central convocada pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto quere ser a mostra sólida do empeño das mulleres de defenderen o dereito a decidir sobre o seu corpo e por iso destacan a súa relevancia. 

A Plataforma lembra que a “contrarreforma” de Gallardón eliminaría a lei de prazos vixente na actualidade que permite abortar con liberdade até a semana 14 do embarazo para substituíla por outra de supostos, máis dura que a do 85. “Se neste ano podíamos abortar en tres supostos diferentes -violación, risco para a saúde da nai ou malformación do feto- con esta reforma eliminaríase este último suposto”  denuncian. 


Cualifican a proposta de Gallardón de “ideolóxica e moral” que responde aos intereses da igrexa católica e grupos fundamentalistas e  enmárcase, ao seu ver, “en todo un camiño de agresións aos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres”. 

47.000 mortes ao ano 

A ilegalización do aborto suporá, para a Plataforma, 47000 mortes ao ano e 5 millóns de mulleres que padecerán incapacidade por causa de abortos inseguros, para o que botan man de datos da ONS. O modelo que defende a Plataforma pasa, pola contra, por esixir unha maior educación afectivo-sexual, recursos sanitarios e anticonceptivos e garantir o aborto libre, gratuíto e na sanidade pública. 

“Non imos dar ningún paso atrás ante as súas ameazas” di o comunicado da Plataforma no que convocan á mobilización para dar unha mostra de forza contra a lei retrógrada e machista de Gallardón e polo dereito das mulleres a gobernar nos seus corpos. 

No remate da mobilización varias artistas e escritoras confirmaron a súa participación no acto reivindicativo final, entre elas Mercedes Peón, Uxía, Habelas Hainas, Sonia Lebedynski, As Boubas, Estíbaliz Espinosa ou Teresa Moure.”A Plataforma seguirá traballando no tempo até conseguir o dereito das mulleres a habitar os nosos corpos sen que ninguén nos diga como facelo” anuncian. 

Comentarios