NGB ofrécelle un prazo fixo de 30.000 euros a unha familia que ten inmobilizada nas preferentes esa mesma cantidade

A través dunha carta, a directora dunha sucursal da Coruña ofrécelle un produto financeiro que lle daría 1.150 euros de intereses por unha aportación de 30.000 ao fillo con parálise cerebral dunha familia que ten esa mesma cantidade en preferente. Os pais tiñan previsto destinar esa cantidade para pagar a estancia nunha residencia.

Con grande indignación recibiron na casa de Juan Luís Lestón a carta da directora dunha sucursal de NGB na que se adxuntaba un cheque

publicitario de 1.150 euros que se corresponderían cos xuros que recibirían pola aportación de 30.000 euros para un produto financeiro a prazo fixo. Esa mesma cantidade é a que o pai do destinatario, con parálise cerebral, ten inmobilizado na entidade a prazo fixo e que están a reclamar a NGB desde que o pasado ano souberon que eran vítimas da estafa das preferentes. 

A redacción da carta da directora da sucursal, destinada ao fillo con parálise cerebral que ten unha conta na entidade, conseguiu remexer á familia que leva xa meses na loita das preferentes, para acceder a uns cartos que tiñan aforrados co fin de asegurar o futuro do fillo. “Ahora más que nunca la palabra es importante. Pero hablar con hechos es mucho mejor”, comeza no encabezado dun escrito elaborado integramente en español. 

“Somos conscientes de que en alguna ocasión no hemos cumplido las expectativas depositadas en nosotros”, di a directora, nunha carta que toma forma de comunicación persoal, con letra similar á escrita a man. A sucursal asegura no escrito publicitario que asumen “publicamente o compromiso de ser claros, transparentes e solventes” e adxuntan un cheque-simulacro de 1.150 euros, que serían os xuros que o destinatario recibiría de aportar 30.000 euros a 25 meses, cun tipo de interese nominal de 2,33%. 

"Más hechos, menos palabras. Permítasenos demostrárselo”, conclúe a misiva. 

O pai do destinatario, titular de accións preferentes por 30.000 euros, contestoulle nunha carta tamén escrita a man, mais en galego, remitida a pasada quinta feira á entidade. Escribe no nome do fillo, xa que el é o representante legal a todos os efectos, e explícalle que a discapacidade do 75% fai que seus pais sexan “os meus pés, as miñas mans e o meu cerebro, teñen que decidir por min”, como consta na propia entidade. 

"Sodes de ferro"

“Que casualidade, eses 30.000 € téñenllos vostedes atrapados con preferentes aos meus pais, ese diñeiro estaba destinado a min, para que a súa morte coa miña pequena paga e máis ese diñeiro axudar a pagar unha residencia, e con ese roubo non sei o que será de min”, escribe na carta que remitiu á entidade”. Despídese igual que o fixera a directora da sucursal, “Pero eu si de verdade. Máis feitos, menos palabras”. Remata o escrito cunha nota final: “Sodes de ferro”.

Desde o pasado setembro, a familia Lestón participa na loita para recuperar os cartos, os 30.000 euros, que teñen inmobilizados en preferentes. Agora vense na obriga de aceptar a quita e continuarán a reclamar, a través dun avogado, o resto da cantidade final. Comenta que o día que recibiu a carta non foi quen de durmir. “Levanteime e púxenme mans á obra e mandeille directamente a carta. Pareceume unha burla, eses mesmos cartos eran os que tiña destinados para o futuro de meu fillo. Andamos mirando o tema da residencia, que son moi caras, e todo se me veu á cabeza”, sinala. 

Comentarios