Néstor Rego toma o testemuño de Francisco Rodríguez á fronte da secretaría xeral da UPG

Un novo Comité Central formado por setenta persoas propuxo e o XIII Congreso da UPG elixiu por unanimidade a Néstor Rego como sucesor de Francisco Rodríguez á fronte da UPG. O partido nacionalista apostou, máis unha vez, por traballar para afortalar o BNG.

Con renovación nalgúns dos seus cargos e algo ampliado no número de persoas que o compoñen, o Comité Central votou ás 17 da tarde o nome do novo secretario xeral, a persoa que substitúe a Francisco Rodríguez despois de doce anos á fronte do cargo no partido. Media hora máis tarde sería ratificado por unanimidade polo pleno do Congreso. O novo nomeamento foi o máis comentado dunha xornada sen sorpresas na que a UPG afondou nas súas teses ideolóxicas e amosou a consistencia da súa militancia.

O novo secretário xeral é un home ben coñecido no partido xa que milita no nacionalismo desde 1977 en que ingresou nas filas de Erga. Membro fundador dos CAF, é militante do BNG desde a súa fundación e desempeñou diferentes responsabilidades na comarca de Compostela na que milita, ocupando distintos cargos institucionais e orgánicos. Profesor de ensino secundário, Néstor Rego converteuse en concelleiro nacionalista en Santiago en 1995 para formar parte do goberno municipal catro anos despois. En 2003 foi cabeza de lista na capital galega e ocupou o cargo de tenente alcalde ate 2008, anos nos que foi tamén portavoz do grupo nacionalista.

Pásalle o testemuño a Néstor Rego un Francisco Rodríguez que continuará no Comité Central da UPG e que recibiu unha forte ovación no discurso de apertura do seu último congreso como secretario xeral do partido. Francisco Rodríguez centrou a súa intervención na análise da situación política actual, nomeadamente, do panorama que se lle apresenta ao nacionalismo no presente mapa político. Referiuse Rodríguez ao proceso desenvolvido desde antes da Asamblea de Amio no que a UPG tentou, segundo sinalou, chegar a acordos con todas as sensibilidades que non puideron ser posíbeis.

Valorou os resultados obtidos pola frente nacionalista nos últimos comicios como “mellorábeis” mais que respondían ás expectativas fixadas polos órganos de dirección do BNG nas análises da situación desenvolvidas. Con referencias a Bautista Álvarez e Roberto Vilameá –presidente e secretario de organización da UPG- que mereceron as palmas dos máis de mil militantes que asistiron ao congreso o discurso rematou dando paso ao debate sobre á tesepolítica que foi votada por unanimidade.

Comentarios