Néstor Rego: "Estamos nun novo tempo que precisa maior radicalidade"

Medio milleiro de militantes protagonizaron, este sábado, a conferencia nacional da UPG. "Queremos contribuír para construír un BNG sólido, referente social da rebeldía e da aposta pola soberanía", afirmou o seu secretario xeral Néstor Rego ao termo do encontro.
Néstor Rego
photo_camera Néstor Rego


Apenas 10 minutos após a conclusión da conferencia nacional, Sermos Galiza mantivo unha breve conversa co secretario xeral da UPG.

-Que conclusións se tiran desta conferencia política convocada pola UPG?

Estamos nun momento político complexo, cunha crise económica e social crecente, mais tamén cunha crise do sistema político español e un cuestionamento das institucións políticas e da actuación do PP no goberno. Nesta conxuntura política complexa, valoramos que é imprescindíbel un BNG forte e con capacidade operativa na medida en que é a forza que se viu enfrontando decididamente ás políticas antisociais que padecemos e continúa a facelo. Na UPG queremos contribuír para ese obxectivo dun BNG sólido, referente social dunha posición clara de rebeldía, que aposta decididamente pola soberanía como fórmula de garantir unha saída social e xusta da crise.


-Como se insire a conferencia no debate que se está a desenvolver no BNG?

O BNG abriu un proceso de reflexión co obxectivo de corrixir deficiencias e erros, mais conta tamén con moitos valores e moitas potencialidades. Achamos que ese proceso está a ser moi positivo e nós, unha vez que finalizou a primeira fase do debate, queriamos contrastar a opinión da militancia a respecto dalgunhas cuestións que centraron o proceso de reflexión no BNG e, dese modo, podermos facer tamén o noso contributo, como xa fixeron outros colectivos e persoas.

-Que cuestións destacaría do documento aprobado?

Para alén de concordar coa liña política aprobada na XIII asemblea nacional do BNG e de ratificar a nosa aposta na unidade do nacionalismo, consideramos que a chave está en que toda a militancia nacionalista tome consciencia de que estamos nun novo tempo político que precisa novas maneiras de actuar con máis radicalidade, desembarazándose dos formalismos do traballo institucional e dándolle máis forza á intervención social. Apostamos tamén por corrixir funcionamentos viciados para garantir un BNG aberto, plural, inclusivo e integrador sobre a base do frontismo e da cultura do diálogo e do consenso. Cremos que nesa liña está a maioría da militancia nacionalista.

-Como se materializa esa proposta de unidade do nacionalismo?

Entendemos que a unidade ten que se construír sobre bases sólidas, sobre coincidencias existentes, e debe partir da converxencia naquelas reclamacións en que existiren puntos en común. Cómpre comezarmos desde abaixo, e nós entendemos que a mellor maneira de lograla é un BNG forte, na medida en que continúa a ser a máis sólida das organizacións do campo do nacionalismo. Pensamos que un bo ámbito en que é posíbel practicar a unidade de acción é a construción dun amplo movemento social e político que reclame a soberanía nacional e a capacidade de Galiza de decidir libremente o seu futuro.

Comentarios