Neste Sermos nº72: Débeda pública, negocio privado

Unha débeda pública que se disparou con Feijóo e non reverteu en dinamizar a economía, a falla de democracia nas confrarías galegas, o relato inédito de Ondkaji (angolano gañador do José Saramago), a elite do fútbol sala feminino estatal fala galego... Todo isto e moito máis neste semanario Sermos Galiza xa á venda na nosa loxa.

Capa_SG72

En cinco anos de goberno Núñez Feijóo duplicou a débeda pública galega acumulada en 28 anos de autonomía con catro presidentes diferentes. Unha débeda que xa supón case o 17% do PIB de Galiza. Quen compra a débeda galega? Para que? Como lastra a débeda a economía de Galiza? Cuestións que analizamos neste Sermos Galiza, nº71.

Un número no que tamén damos voz a ecoloxistas e colectivos de Pontevedra, que denuncian a sumisión da Xunta ante ENCE ou debullamos os movementos que levaron a que o maquinista, e só o maquinista, fique como imputado polo sinistro ferroviario de Angrois.

Pulso a Feijóo

Concellos únense para facer fronte ás medidas de recortes en servizos públicos impulsada polo goberno galego. Outro tema que tratamos. Como a situación das confrarías de pescadores galegas, que levan 5 anos sen poder elixir os seus representantes.

'E se Galiza repartise as bolsas Erasmus? Unha pregunta que lle transladamos a estudantes para que analicen o de bo (ou non) que tería que a Xunta reclamase as competencias e o orzamento correspondente a estas bolsas de estudo.

Entrevistamos a Iker Garin, responsábel de Ensino do sindicato abertzale LAB; e botamos un ollo á elite do fútbol sala feminino estatal, onde o galego é idioma obrigado.

E máis...

E aínda temos máis: Marcos Calveiro, Diego Ameixeiras e Francisco Castro fálannos de como a actualidade invade a literatura. E en 'Minhafonía', Carlos Quiroga achéganos a Ondjaki, o escritor angolano gañador do José Saramago. E publicamos un inédito dele, 'Santiago de Compostela', unha pequena xoia que nos enche de orgullo ofrecer para @s nos@s lector@s. Tamén entrevistamos ao músico Samuel Diz, que vén de gañar o Premio da Crítica do Palau de Barcelona.

A devesa de Nimo (bosque atlántico entre Noia e Brión) é a paraxe pola que nos levan en Viaxes na Miña Terra. E en Okapi...o último Asterix en galego!

Comentarios